O CGAC asómase ao «abismo» da obra do portugués Eduardo Batarda

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

A exposición «Mise en abyme» é a primeira que o artista fai fóra do seu país

12 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Asomarse a un acantilado. Colocar os pés case sobresaíndo do beiril e mirar cara a abaixo. Ou xirarlle a cabeza á boneca. Partila pola metade para descubrir outra boneca igual, pero máis pequena. E abrirlle o cós para que apareza outra máis cativa aínda. Ter a sensación de que hai algo ausente. De que o que interesa non está aí. A falta. Ese sentido de falta é un dos trazos que definen a pintura de Eduardo Batarda (Coimbra, 1943), unha figura relevante na arte de Portugal da segunda metade do século XX que porén nunca expuxera fóra do seu país. Ata onte. O CGAC é o primeiro lugar que acubilla unha mostra individual deste «artista para artistas», como o definiu o director do museo. Santiago Olmo, na presentación dunha retrospectiva que non é unha retrospectiva. Polo menos non é unha retrospectiva normal. É o ollar dun artista sobre outro artista, un exercicio de complicidade. Un mirar xuntos por ese cantil. É Julião Sarmento deixando o punteiro dos pés no aire mentres mira cara ao fondo desa abismación característica en Batarda.

«Cada obra de Batarda son todas obras, é unha especie de matrioska», e extremadamente complexa, «nunca é o que se ve, é sempre o que non se ve, nunca é o obvio, é sempre o que non é obvio», explicaba o comisario durante a presentación dun proxecto expositivo que estaba pensado para un espazo distinto: o Pavilhão Branco de Lisboa. Un proxecto que deixou «unha miga boquiaberto» ao artista, non afeito a que outro artista se interesase dese xeito polo que fai, Un proxecto que mudou un chisco con respecto ao orixinal.

Dúas das obras non viaxaron a Galicia porque os seus donos non ou autorizaron. A cambio, Mise en abyme -unha expresión francesa que literalmente se traduce como «posta no abismo» e que fai referencia a ese solapamento de imaxes en imaxes, como as bonecas rusas- trae a Galicia Misquoteros, unha obra composta por unha trintena de teas nas que deambulan libremente frases en inglés que ben valerían como lemas para colocar nunha camiseta. Frases extraídas de diversos textos críticos que conflúen no xogo de palabras que é Misquoteros, unha mestura de misquote (cita errada en inglés) e Mosqueteros, unha serie serodia de Picasso. 

«A obra de Batarda, aínda que moi coñecida en Portugal, e sobre todo coñecida por certa xeración, é unha obra que nunca tiña sido estudada correctamente». Sarmento define a súa produción como densa, erudita, non particularmente simpática e de difícil acceso visual e cre que nas dúas retrospectivas que se teñen feito de Eduardo Batarda a súa produción non se amosou de xeito correcto. Por iso quería que fose «mostrada doutra maneira», cunha visión máis afastada dos críticos. «Eu non son curador, non son crítico. Son artista. En certo modo, esta exposición, Mise en abyme, é unha exposición do Batarda pero en certo modo é un traballo meu». Hai unha «unha relación de apropiación case indebida da obra de outro». 

O artista descoñecido que exerceu unha enorme influencia

Entre 1976 e o 2008, Eduardo Batarda exerceu unha intensa labor docente na Escola de Belas Artes do Porto. Por iso tivo unha «gran influencia» noutros, o que leva a Santiago Olmo a definilo como «artista para artistas» que porén nos últimos anos foi abríndose a un público máis amplo. «Siendo artista para artistas ha tenido pocas ocasiones de exponer en galerías y museos», explicaba Olmo durante a presentación de «Mise en abyme». Esas oportunidades de expoñer son as que xeran o itinerario profesional e a proxección da que non ten gozado Batarda, moi presente nas coleccións. Con todo, existe un movemento de investigación para recuperar figuras «que no han sido suficientemente atendidas» e que procura a inserción ou reinserción da súa obra.