Ledicia Costas: «Eu creo nas persoas que teñen intacta a capacidade de soñar»

CULTURA

A escritora, Premio Nacional de Literatura Juvenil 2015, considera que a sociedade actual está «un pouco contaminada»
02 may 2019 . Actualizado a las 16:57 h.Esa inventora de mundos delirantes que acadou o Premio Nacional de Literatura Juvenil por Escarlatina, a cociñeira defunta (ollo coa súa empanada de mexillóns) volve este outono en pé de letra. Para entrar ata a cociña das grandes emocións. A señorita Bubble é un pouco Ledicia Costas (Vigo, 1979). Non?, pregunto. «A xente dime en voz baixa: ''Que, Ledicia, Lady Bubble es ti? Confesa!''», conta.
-«O mundo é como unha macedonia», escribe. Por que?
-Porque hai persoas lunáticas, persoas aristocráticas, persoas reumáticas... moitas clases de persoas e non nos queda máis remedio que convivir. Fago unha defensa da diversidade!
-Quen é Lady Bubble?
-Unha inventora que vén viaxando dende finais do XIX de Londres e cae nunha vila galega. É unha muller intelixente, tan intelixente como estrafalaria. E aí están as dúas caras dunha moeda, o que atrae dela é esa mesma intelixencia que provoca o rexeitamento dos habitantes da vila.
-Ten un alto prezo ser orixinal.
-Si. Nos contos e na vida.
-Como está o noso mundo. Diagnóstico máis alá do conto?
-A sociedade actual, non sei como dicilo..., está un pouco contaminada. Non se acepta o distinto. Cada vez é máis difícil que as persoas poidamos decidir qué queremos ser, onde queremos estar e a onde queremos pertencer. Hai unha crise social, máis alá da económica na que nos meteron.
-E iso que temos «de todo», non? O mundo aquí vai á carta, tamén para os nenos...
-Desde hai uns anos, os nenos teñen demasiado. Hai unha saturación que non lles permite valorar as cousas pequenas, eses detalles do día a día que son os que máis gustan, os saborosos.
-Gústalle a cociña e «papar» historias desde pequena.
-Eu de nena devoraba libros!, tres ou catro á semana. Empecei a escribir de forma natural. No instituto foi cando comecei a ler moito en galego. Grazas á literatura galega empecei a falar e escribir en galego... e ata hoxe.
-Roald Dahl ou Fernández Paz?, sei que é dos dous. Ten que elixir.
-Fernández Paz, con todos os respectos para Roald Dahl.
-Escribe cos fíos da vida.
-É algo inevitable. Escribo do que vexo, do que me traspasa, do que me emociona, do que me seduce. Eses son os fíos da vida dos que fala Fernández Paz.
-Vai de corazón ou de cabeza?, quen manda máis?
-Intento ser moi cerebral pero o corazón acaba dicindo o seu.
-Está todo escrito?
-Non. Hai moitísimo escrito, pero moitísimo por escribir. Agardan universos novos.
-Pódense conciliar galego e castelán?
-Si. A miña bandeira é o galego. Fóra de Galicia son tamén unha autora galega, que ten traducidas as obras ao castelán. Conciliación co galego por diante.
-Rebentou a burbulla da infancia con «Escarlatina, a cociñeira defunta», que lle deu o premio nacional. Que supuxo recibilo?
-O premio abriume portas. A outras literaturas. Meus libros puideron viaxar a outros países. Hai unha cadea aí que empeza a xirar e fai que teñas unha presenza fóra importante.
-Somos a xeración dos «pais helicóptero». Estamos moito no miúdo, pero hai temas grandes que non sabemos como tocar. Como se converte a morte nun conto para nenos de 9 anos?
-Os nenos son importantes, por iso hai que falarlles das cousas importantes da vida. Só hai que atopar a linguaxe, o resto vén só. Que se se lles pode falar aos nenos da morte de maneira directa e tirando de humor macabro? Pois claro que si! Eles son moi listos, dannos moitas voltas. Deberiamos aprender deles; e en lugar de pechalos na burbulla, picala para que sexan máis maduros e non sufran despois tanto na vida.
-Déanos unha receita divina da morte para vivir mellor. Unha larpeira que esperte o apetito.
-Vouche dar unha receita de emocións, que é a receita do humor! Funciona como bálsamo para vivir mellor. E se acompañas o humor cuns pasteis de Belém é de nota. O día vai rodado.
-Pulpo a la brasa ou polbo á feira?
-Á feira. Ao estilo tradicional.
-«Os nenos non len», din os índices de lectura. E nós?
-Os nenos si len. Eu eses informes de que non len desmóntoos! Moitas veces os rapaces recoméndanme libros que eu non coñezo. Os nenos len máis que os adultos. Véxoo nos coles.
-Hai que ler aínda que sexa mal ou pouco pero bo?
-Hai moito debate sobre isto. Eu de pequena lía de todo. Cousas extraordinarias e cousas que serían consideradas literatura lixo. Hai un momento no que tes suficiente competencia para saber o que é lixo e o que non o é. Hai que ler, qué máis dá qué. A chave é que lean, que vaian adquirindo competencia lectora con naturalidade e soltándose. E non botar as mans á cabeza porque ves que a túa filla le este libro que «Dios mío»...
-Qué lle dá o conto á vida?
-Capacidade de soñar. Eu creo nas persoas que teñen intacta a capacidade de soñar. E a literatura ten moito que ver niso.