Neira Cruz gaña o Repsol cunha obra ambientada na Costa da Morte

«O sono das sereas» é unha historia de misterio que actualiza a tradición oral


redacción / la voz

O sono das sereas, unha historia de misterio ambientada na Costa da Morte, valeulle onte a Xosé Antonio Neira Cruz (Santiago, 1968) o Premio de Narrativa Breve Repsol. A obra naceu a partir da fascinación que o escritor sentiu por unhas tallas na igrexa de Santiago de Traba, en Laxe, e que desenvolveu nun rexistro que actualiza a literatura de tradición oral. O premio, convocado pola Fundación Repsol e a Xunta, está dotado con 12.000 euros e a publicación do libro por Galaxia.

A novela ten o seu centro narrativo nunha aldea habitada por «labregos que viven a carón do mar, polo que senten unha certa desconfianza e medo», explicou onte Neira Cruz. Nesta localidade varias mulleres de distintas xeracións dunha mesma familia experimentan unha serie de situacións sen explicación aparente polas que ninguén pregunta, xa que os veciños intúen un gran misterio como a súa causa. Teñen que ser tres persoas de fóra os que a través das súas preguntas e as respostas que obteñen quen empecen a tirar do fío do misterio. Son este tres personaxes os que actúan como narradores de O sono das sereas: as súas voces, en primeira, segunda e terceira persoa, vanse sucedendo ao longo da novela, cunha serie de pasaxes breves a xeito de ponte entre elas.

Outro dos trazos da obra é o uso que fai das narracións de transmisión oral. Neira Cruz alude ao papel que tiveron estes relatos como «explicación do que non se comprende, respostas ás grandes preguntas, e tamén ás cativas, porque ás veces aludían a cuestións máis ben mesquiñas». O escritor e profesor na Facultade de Xornalismo observa ademais como a tradición oral «sempre está aí», con modificacións en función das culturas e as xeracións. Ao mesmo tempo, indica, un dos seus cometidos era actuar como «escudo», como «unha armadura, un xeito de falar encriptado», co que unha comunidade pode falar no seu seo das súas cuestións a salvo de oídos foráneos, ou tamén para referirse a esas cousas das que non se pode falar abertamente ou só a través de eufemismos.

No seu fallo, o xurado do galardón destacou de O sono das sereas o «desenvolvemento que presentan as personaxes, a estrutura da novela, perfilada a partir de tres voces que van encadeando unha ficción de intriga e misterio, a súa linguaxe fluída e a intención da obra de dirixirse a un público moi aberto».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Neira Cruz gaña o Repsol cunha obra ambientada na Costa da Morte