O pergamiño Vindel xa ve a luz de Galicia xunto ás «ondas do mar de Vigo»

María Jesús Fuente Decimavilla
maría jesús fuente VIGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

As cantigas de Martín Codax están preparadas para a súa exposición, que abrirá o 10 de outubro

29 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dous días despois da súa chegada a Vigo desde a Morgan Library Museum de Nova York, o pergamiño Vindel vía a luz de Galicia xunto ás «ondas do mar de Vigo» que o viron nacer. Unha luz tenue e breve que só durou dous minutos, tempo fixado polo técnico de conservación para mostralo aos medios de comunicación no Museo do Mar. É o paso previo ao acto de inauguración da exposición das cantigas de Martín Codax, que será o 10 de outubro. A partires dese momento poderán velo todos os galegos ata marzo do 2018.

No breve acto, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou a importancia de ter o pergamiño en Galicia e a satisfacción de ver que esperta tanta expectación. Lembrou que detrás das cantigas de Martín Codax está «o sentimento dun pobo, que é o galego, e unha cultura».

Unhas palabras que foron corroboradas polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen garantiu que se traballará para que esta obra do século XIII teña unha boa acollida e sexa coñecida polo maior número de galegos, xa que no seu día «se fixo para unha xente moi restritiva». Destacou que se trata do evento cultural máis importante deste ano e do principio do que vén en Galicia. «Estamos a planificar un programa de actividades moi variado e aberto, que permitirá que este museo sexa o centro da nosa cultura», dixo.

O conselleiro lamentou que «o Concello de Vigo deixara varado o Vindel», en referencia á pouca disposición a deixar ou Museo de Arte Contemporánea (Marco) para a mostra, o que levou á Xunta a ceder o Museo do Mar. Non obstante, dixo, o goberno local será convidado á inauguración. Onte, o concelleiro Carlos López Font, reprochou ao Goberno galego que non invitara ao alcalde a Nova York, ao acto de entrega do pergamiño e tampouco darlle a benvida ao museo.

Co ánimo de non polemizar, o reitor engadiu que «o pergamiño está aquí e todas as institucións o apoian. A Universidade traballa con todo o mundo. Todos van colaborar e o Concello, tamén. Temos que estar orgullosos de estar aquí». Lembrou que a Universidade de Vigo é responsable do que lle poida pasar ao pergamiño».

Para a recepción da obra de Martín Codax foi necesario construír unha especie de minimuseo dentro do propio Museo do Mar. Necesitaba un espazo máis pequeno cunhas condicións especiais de humidade e iluminación. Fíxose unha sala de 206 metros cadrados, na que se investiron entre 180.000 e 200.000 euros, segundo describiu o director do museo, Vicente Caramés, quen destacou que as melloras se aproveitarán no futuro. «Martín Codax foi unha bendición para nos. Levamos esperando 800 anos por el e viu cun pan baixo o brazo», indicou Caramés. Destacou a boa conservación do documento a pesares de ser un soporte moi delicado e ter pasado por varias restauracións.

A obra será o eixe dunha exposición máis ampla do século XIII

As sete cantigas de amigo de Martín Codax formarán parte dunha exposición máis ampla na que estarán outras obras do século XIII e aportacións contemporáneas, segundo explicou ou comisario da mostra, Francisco Singul. O pergamiño recibe o nome do libreiro que o descubriu por casualidade en 1914. Despois pasou por moitas mans ata que en 1977 foi adquirido pola Morgan Library Museum de Nova York. Foi o psiquiatra vigués Cipriano Jiménez quen nunha viaxe privada logrou velo, preguntou se poderían traelo e, ante a resposta afirmativa, púxose en contacto coa universidade para que xestionara o traslado e a exposición.