Álvaro Negro: «A miña obra máis recente fixo un camiño de volta cara a máis antiga»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

O CGAC inaugura esta tarde unha mostra retrospectiva sobre os vinte anos de traxectoria do pintor lalinense

29 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Traballar coa idea de claroscuro, obras que transcenden o propio marco buscando unha relación co espazo e creacións cunha evidente vocación temporal. Conceptos que percorren a traxectoria artística de Álvaro Negro (Lalín, 1973) nestes vinte anos, eses que o pintor di que nunca abandonou, o que dende hoxe pode verse no CGAC. A mostra Y, que permanecerá ata o 4 de febreiro, constitúe a primeira retrospectiva que o centro dedica a un artista saído da Escola de Belas Artes de Pontevedra. Unha exposición que establece un diálogo co espazo deseñado por Siza, no que se crearon muros para xerar perspectivas diferentes.

-O comisario, David Barro, fala dun artista «por investigación». ¿Cambiou moito o seu proceso creativo durante estes vinte anos?

-Non. Esta exposición obrigoume a facer unha mirada cara atrás e descubrín que a miña obra máis recente fixo como un camiño de retorno cara a esas máis antigas, incluso ás creadas nos últimos anos da Escola de Belas Artes. A grande sorpresa é a boa cohabitación que hai entre elas, incluso na exposición están mesturadas. Obviamente si que hai evolucións, porque é o propio dun proceso creativo, pero hai certos motivos que se manteñen e persisten con certa obstinación.

-Cando estivo en Londres e en Berlín, introduciuse noutros ámbitos como o vídeo e a fotografía. ¿Custou moito deixar o pincel?

-Foi algo natural que me pedían eses lugares. Ao final, a pintura non deixa de ser outra tecnoloxía, unha tecnoloxía de imaxe, tan válida como a fotografía ou o vídeo. Nunca deixei de pintar aínda que deixara o pincel, son dos que penso que a pintura non é só unha técnica, senón que é unha tradición; e, independentemente da ferramenta que uses, tes unha mirada de pintor conformada. Algúns dos vídeos da exposición son unha mirada paralela á pintura. Creo que cando pinto son un pintor moi escultórico e, cando me desenvolvo con outras técnicas, son un fotógrafo ou videoartista moi pictórico.

-Fala da pintura como tecnoloxía, ¿por que?

-Gústame usar ese termo para contrarrestar esas opinións de que a pintura está morta, de que é un medio que non está adaptado a nosa contemporaneidade..., tópicos.

-¿Segue véndose a pintura como secundaria na arte contemporánea?

-Sufrín etapas nas que se dicías que eras pintor xa nin te miraban, porque non estaba nas tendencias de certo momento. Son prexuízos de xente moi concreta. Hoxe penso que o debate está superado e incluso creo que hai un rexurdir da pintura.

-Despois desta mirada atrás, ¿qué será o seguinte?

-Hai unha continuidade, porque teño un xeito de traballar moi consolidado. Pero agora voume ir para Roma porque fun becado pola Academia de España en Roma e interésame mergullarme na tradición do Renacemento.