O Museo de Lugo ofrece a primeira retrospectiva da obra de Siro

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

CULTURA

ÓSCAR CELA

Unha parte da exposición exhíbese no pazo monfortino de Tor

26 sep 2017 . Actualizado a las 23:09 h.

Siro López Lorenzo, Siro (Ferrol, 1943) é un todoterreo da cultura galega: pintor, deseñador, caricaturista, humorista, ilustrador, escritor e moitas outras facetas creativas. Aos seus 74 anos vive a súa actividade artística con paixón, tanta que incluso se atreve a debuxar cun iPad. Precisamente, un autorretrato realizado con este dispositivo forma parte da primeira retrospectiva que da súa obra se presenta en Galicia.

Foi o Museo Provincial de Lugo o encargado de propoñerlle esta particular homenaxe, inaugurando onte unha mostra na que a través de cincuenta obras se repasa a traxectoria do Siro pintor de retratos e de paisaxes, do autor de debuxos eróticos ou do ilustrador de fantasías. Só se expón unha caricatura, unha de Ramón Piñeiro ante Rosalía. «Non se trata dunha mostra antolóxica, senón dunha retrospectiva da miña faceta como artista desde 1970 ata agora», explica o propio Siro. Iso si, a Rede Museística Provincial, que depende da Deputación, non quería deixar de lado a súa faceta máis famosa para o gran público, e nos museos de Tor (Monforte), San Paio de Narla (Friol) e Provincial do Mar (San Cibrao) colgarase unha escolma das súas caricaturas.

«Siro é tamén un humorista que ao longo de case medio século soubo reflectir de forma cómica a realidade histórica, social e cultural de Galicia e de España», sinala o investigador e promotor da mostra no museo lugués, Fernando Arribas. Este responsable da Área de Cultura do Museo Provincial destacou as colaboracións diarias na prensa, especialmente en La Voz de Galicia, onde foi desvelando en clave de humor o acontecer diario da vida política española a través dos seus debuxos, caracterizados polo seu valor artístico».

O Museo Provincial de Lugo tampouco esquece neste retrospectiva de Siro os seus traballos literarios, dos que precisamente o artista se amosa moi satisfeita. «Cando me xubilei, no 2006, puiden dedicarme con máis tempo a dúas obras que tiña que facer ante de morrer», reflexiona cun sorriso. Siro fai referencia a Cervantes e O Quixote. A invención do humorismo e a Castelao en el arte europeo. Do primeiro, destaca que está dedicado a dous dos lucenses que máis admirou, Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro; mentres que do segundo libro publicarase este ano unha reedición en galego.

Non son os únicos proxectos literarios que ten en marcha para este ano. «Sen pedir nada invitáronme a facer este retrospectiva e igual aconteceu coa Deputación da Coruña, que editará un libro onde se reproducirán 500 das miñas obras». Tamén en Xerais sairá en breve un ensaio sobre a caricatura, que se amosará a modo de diálogo co xornalista Félix Caballero.

Mentres non chegan ás librarías estes novos proxectos, Siro onte gozou dunha homenaxe no Lugo onde tivo tantos amigos. «Nunca esquecerei a Celestino, a Fole, a Casal, a tantos amigos que quixen»; pero tamén a exposición, que se pode ver ata o 5 de novembro, no Lugo máis familiar. «Chámome Siro en lembranza a un tío meu de Lugo que morreu na Guerra Civil; sempre estarei unido a esta cidade que agora me acolle».