OURENSE / La VOZ

Chus Pato (Ourense, 1955) é, desde onte, membro de número da Real Academia Galega. E o seu discurso de entrada será lembrado como unha homenaxe ás figuras femininas da lingua galega, á poesía e aos mestres do Instituto Otero Pedrayo -no que tivo lugar o acto de ingreso e do que foi alumna- que deixaron a súa pegada na poeta.

«Non podo presumir de ter sido unha boa estudante; con todo, hai leccións que se gravan para sempre a fogo no corazón e na lembranza: agradezo hoxe ao académico Xesús Ferro Couselo que nunha mañá moi fría e xa moi afastada no tempo se mantivese na súa palabra diante da policía, insistindo en que eu me encontraba na súa aula; naquela mañá, se ben eu non espallara neste edificio panfletos da Unión do Pobo Galego (UPG), si fora a encargada de vixiar para que esta acción puidese ser levada a cabo [...] Isto, alén da solidariedade, é ensinar Filosofía», subliñou Pato.

O seu padriño de ingreso na RAG, o académico Francisco Fernández Rei, contestou visiblemente emocionado con outro discurso no que empregou palabras de Antón Lopo para referirse a Pato como «a Rosalía do século XXI». Describiuna como «unha das figuras máis innovadoras e de maior proxección internacional da poesía galega contemporánea». E destacou tamén a súa labor desde moi nova pola causa de Galicia e da súa lingua desde unha problemática sociopolítica. «Chus, polas dornas, polas túas dornas de dous carballos. Revolución. Sempre», finalizou Fernández Rei.

O presidente da entidade e exdirector da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, aproveitou a ocasión para lembrar «a presenza activa da muller no eido das letras e a bandeira que ergueu Rosalía de Castro». Tamén trouxo ao presente a memoria de Carlos Casares e da maior parte dos protagonistas que fraguaron a Xeración Nós, nados en Ourense.

«Vou partir dunha afirmación de Xohana Torres que dixo que as mulleres sostemos a metade do ceo, polo tanto o normal é tamén que gocemos e que poidamos estar nesa outra metade da terra, sen estar escondidas ou marxinadas», declarou Pato aos medios ao rematar o acto. Engadiu que, nese senso, a RAG está facendo un labor intenso e que espera que o posto de Torres sexa cuberto por outra muller.

«Para min, a única cidade real é Ourense»

E. f.

Chus Pato entrou no paraninfo do IES Otrero Pedrayo escoltada por outras dúas mulleres

Chus Pato entrou no paraninfo do IES Otrero Pedrayo escoltada por outras dúas mulleres: Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre. O momento, segundo as propias verbas do presidente da RAG, «foi histórico». Nunca antes sucedera algo similar.

A poeta ourensá explicou ao rematar o acto que volver ao centro no que se formou foi especialmente emotivo. «Para min, a única cidade real do mundo é Ourense. E fíxome moitísima ilusión estar aquí porque foi onde fixemos o ingreso. Cando entramos tiñamos nove anos e entrabamos pola porta mortos de medo porque aquí arriba examinábannos», lembrou facendo referencia ao estrado dende o que onte realizou o seu discurso. «Esta vez non tiven medo, porque xa estaba preparada pero sentín moita emoción», engadiu.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Chus Pato enaltece a poesía e a Xohana Torres no seu ingreso na RAG