Pippi Långstrump xa fala galego

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O selo pontevedrés Kalandraka recupera para a lingua de Rosalía, 72 anos despois, o libro no que a escritora Astrid Lindgren creou en 1945 a universal personaxe infantil

18 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Xa está en máquinas», festexan en Kalandraka. O selo pontevedrés prepara o lanzamento para a última semana de setembro de Pippi Mediaslongas, a tradución ao galego do libro en que a escritora Astrid Anna Emilia Ericsson, coñecida artisticamente como Astrid Lindgren (Näs, Småland, 1907-Estocolmo, 2002), botou a andar alá por 1945 unha das máis universais personaxes da literatura infantil: Pippi Långstrump. Precisamente, é a partir desa edición primixenia sobre a que traballou Kalandraka, que subliña que o libro conta ademais coas ilustracións en branco e negro orixinais e restauradas obra da excepcional debuxante danesa Ingrid Vang Nyman. Unha colaboración con Lindgren, por certo, da que xa disfrutara o lector do país en Os nenos de Bullerbyn, que editou no 2014 Sushi Books.

É coñecido que Lindgren compuxo a exitosa criatura de Pippi animada pola necesidade familiar: a súa filla pequena Karin andaba na cama enferma e ela debía botarlle imaxinación para entretela. Acabou por facer un texto coa historia e ata a presentou a un concurso sen que aquilo resultase. Pero porfiou e o conto foi publicado e hoxe hai versións do relato por todo o mundo, adaptacións á televisión e ao cine, e series de debuxos animados. A autora -de cuxo nacemento se cumpren 110 anos o próximo 14 de novembro- converteuse nunha referencia literaria e intelectual na súa Suecia e en toda Europa. Foi unha persoa lonxeva, e moi influínte, acadou prestixio académico e unha grande presenza social, xa que se implicou en moitas causas públicas, cun fondo compromiso na axuda á infancia, na defensa da muller e na protección do medio ambiente. E, pese a todo, e a que escribiu moitas outras cousas, a súa figura sempre está asociada e é recordada pola audaz aventureira de apenas 9 anos, a nena das trenzas e pelo vermello (Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta, no seu nome completo).

«A incorporación de Pippi Mediaslongas ao catálogo en galego, ao noso sistema literario, é toda unha satisfacción», celebran en Kalandraka. É a aposta para a rentrée de outono do selo pontevedrés, que ten en proxecto «seguir publicando a obra de Astrid Lindgren en galego. Forma parte da nosa filosofía de ir incorporando ou recuperando na nosa lingua as obras dos grandes clásicos da literatura infantil e xuvenil de todos os tempos». É verdade que tal maneira de traballar, con moito rigor, ademais, está, neste caso, perfectamente acreditada: «Levámolo facendo así -inciden- dende hai case vinte anos [os que cumprirá a editorial no 2018], con autores tan sobranceiros como Maurice Sendak, Arnold Lobel, Shel Silverstein, Leo Lionni, Tomi Ungerer, Adela Turin…».

Interpretada pola actriz Inger Nilsson nunha serie televisiva sueco-alemá, realizada a finais dos anos sesenta e emitida por TVE, aquela nena rebelde e valente, Pippi, tivo un peso decisivo na educación sentimental de miles de nenos galegos, que agora, na corentena e na cincuentena, poderán ler a primeira aventura da irreverente Mediaslongas vertida ao galego por David Álvarez.

Non é cousa puramente arqueolóxica. A saga segue viva. O modernísimo selo barcelonés Blackie Books reeditou en español os contos completos de Pippi. E ata o propio Stieg Larsson confesara que a extravagante rapaciña -orfa de nai e filla dun pirata- lle foi inspiración directa para a creación da hacker Lisbeth Salander, a heroína de Millennium, que, por certo, vén de chegar á quinta entrega da man do escritor David Lagercrantz: O home que perseguía a súa sombra. En fin, Pippi é toda unha icona contemporánea.