Blanco Amor chega aos 120 anos con vizosa presenza na cultura galega

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

O escritor e xornalista naceu en Ourense, a Auria literaria, o 14 de setembro de 1897

14 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida de Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897-Vigo, 1979) non foi doada. Os primeiros anos e a xuventude quedaron marcados polo abandono do pai, marchou cando el tiña tres anos, e pola súa homosexualidade. Unha opción persoal que motivou que o botasen do seu traballo na Deputación de Ourense polos seus «malos costumes». Tamén foron tempos de coñecemento dalgunha das figuras que tiveron fonda influenza na súa vida: a amizade con Vicente Risco e a participación nas súas tertulias foron a forxa onde o mozo Eduardo se foi labrando no compromiso galeguista e na defensa do idioma.

A emigración foi o seu destino e Arxentina o país ao que chegou en 1919. Foron tempos dos grandes proxectos da man dos intelectuais galegos na emigración -entre outros a fundación da revista Terra, con Ramiro Illa Couto, ou a colaboración en Céltiga- e do seu traballo como xornalista no diario La Nación. Naquela redacción foi onde coñeceu a algúns dos grandes autores da literatura hispanoamericana: Lugones, Borges, Sábato ou Horacio Quiroga, entre outros.

 

 

Como correspondente de La Nación voltou a Galicia en 1928 e 1933. Castelao e as xentes do grupo Nós, na primeira viaxe, e escritores como Federico García Lorca, na segunda, foron intelectuais e movementos cos que mantivo contacto naqueles anos.  

O amargor da volta a Auria

Blanco Amor desenvolveu unha importante carreira como escritor e xornalista na emigración. En galego e castelán. Encetou a súa carreira literaria con Os nonnatos (1927) e ao longo de varias décadas de estadía en Arxentina foi publicando títulos como Los miedosLa catedral y el niñoCancioneiro, A esmorga ou Os biosbardos, entre outros, e desenvolveu unha importante actividade escénica, fundando e dirixindo en Bos Aires o Teatro Popular Galego. 

En 1965 aposta pola volta a Galicia e polo reencontro con Auria, a súa cidade de nacemento e a protagonista das súas obras máis senlleiras. A súa homosexualidade, a militancia de esquerdas -desde Arxentina defendeu a legalidade do Goberno da República- e o convencemento da súa condición de autor recoñecido non lle fixeron doada a vida nunha cidade na que as forzas vivas seguían mantendo o poder no tardofranquismo.

De volta en Galicia foi quen de retomar a súa actividade creativa -nova edición de A esmorga, publicación da novela Xente ao lonxe e varias obras de teatro- e de ter presenza coas súas colaboracións nos xornais, mais sempre se laiou por non acadar o apoio ou o recoñecemento na súa terra. Un dos seus principais amigos desta derradeira etapa ourensá, o escultor Arturo Baltar, recoñecía este verán nunha conversa que Blanco Amor lle confiaba ás veces as súas queixas: «Moita da xente que dicían que eran amigos seus logo deixárono só, e algúns que lle prometeron cousas non cumpriron. E tamén, todo hai que dicilo, el por veces tampouco facilitaba as cousas porque cando quería tamén era moi complicado no trato».

Reivindicación e orgullo

Dende o seu pasamento, en 1979, a figura de Blanco Amor foi caendo no esquecemento. Aínda que co paso dos anos, paseniñamente, o creador volveu ser protagonista na súa terra; nunha medida que ao escritor e xornalista lle tivera gustado gozar en vida. O Roteiro da Esmorga -ruta que percorre os escenarios da novela-, as homenaxes anuais do PEN Clube Galicia diante da campa na que descansa no cemiterio de San Francisco, unha escultura de Xosé Cid na Alameda de Ourense, a tradución de A esmorga ao inglés, a exitosa versión galega da película -do recoñecemento do erro cometido ao ceder os dereitos a Gonzalo Suárez para facer La parranda dá testemuña o seu amigo Nemesio Barxa, que garda o guión de Eloy Lozano que o escritor rexeitou- e a revitalización do premio de novela que leva o seu nome por parte da Deputación de Ourense -que pecha hoxe o prazo de recepción de orixinais- son algúns indicios. O mesmo que a súa fundación, que está previsto que se presente nas vindeiras semanas.  

Dos títulos póstumos ao seu valioso arquivo fotográfico

O legado de Eduardo Blanco Amor mantense máis vivo que nunca. A Biblioteca da Deputación de Ourense garda o seu arquivo persoal, a súa biblioteca e a súa colección de fotografía. E do traballo con estes materiais teñen saído nos últimos anos proxectos como o libro Ars Amandi, unha colección de poesía amorosa inédita cuxa edición correu a cargo de Luís González Tosar e que foi editado polo PEN Clube de Galicia xunto co selo Galaxia. Un libro de poemas, publicación promovida pola editorial propietaria dos seus dereitos, e un par de volumes de fotografía -Ollada do desexo e O fillo da florista- coas súas mostras correspondentes son algunhas das iniciativas levadas adiantes ata o de agora. 

PEN Clube e as súas imaxes

O PEN Clube Galicia mantén unha reivindicación permanente da figura e da obra de Eduardo Blanco Amor. O ourensán fora membro deste colectivo na súa etapa arxentina e cando se asentou de novo en Ourense traballou para que o galego e Galicia estiveran presentes, por dereito propio, no movemento internacional. «Foi no ano 1977 cando se fixeron as primeiras xestións. Naquel proxecto andaban Bernardino Graña, Blanco Amor, Rafael Dieste, María Xosé Queizán, Méndez Ferrín e outros máis novos. Aquel primeiro intento non saíu adiante. E seguiuse teimando na proposta, ata que a presenza de Galicia no PEN Clube Internacional foi aprobada no ano 1989», lembrou onte González Tosar, responsable do colectivo.

O autor de Os biosbardos tamén salientou no seu traballo coa imaxe. No arquivo da Deputación de Ourense consérvanse varios miles de negativos e estase a traballar para crear unha gran mostra e varias publicacións co material deste amplo fondo.

Cita no Liceo de Ourense

O Liceo de Ourense acollerá esta tarde (20 horas) un acto literario na súa memoria. Participarán Afonso V. Monxardín, Luís González Tosar, Maribel Outeiriño e alumnos do IES Blanco Amor.