Miguel Vieira Baptista : «Gústame provocar e pódese facer con pequenos xestos, sen ser aparatoso»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

vítor mejuto

O artista luso, que hoxe inaugura unha mostra en Santiago, di que agora se fan moi poucos obxectos para que duren

12 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha peza única formada por un obxecto ligado a outro de iguais características pero elaborado a diferente escala. Trátase dunha idea do ano 2005 dun dos referentes do deseño portugués na actualidade, Miguel Vieira Baptista (Lisboa, 1968), que rescatou hai un ano e que agora é o fío condutor da exposición O pássaro e o elefante, unha metáfora da ligazón entre os obxectos, que esta tarde se inaugura na Fundación Didac, en Santiago. Mesas, armarios, cadeiras ou vasillas idénticas pero con diferentes tamaños e composicións ata completar unha mostra de 21 obras, que dialogarán ata o 22 de outubro coa serie O silabario perdido, de Vítor Mejuto, no marco da nova iniciativa do espazo compostelán para propiciar a conexión entre artistas. A inauguración será ás oito da tarde, pero antes, ás 19 horas, haberá unha conversa de Miguel Vieira, que afronta a súa primeira exposición individual en España, co deseñador vigués Tomás Alonso.

-As liñas sinxelas predominan nestas obras.

-Si, é un tipo de linguaxe que xa fixen miña, coa miña personalidade. Non me deteño moito en cousas moi barrocas, moi aparatosas, que fan moita festa; céntrome en outras máis simples, que esixen máis atención para ver determinados detalles. Ten que ver coa miña maneira de ser.

-Unha idea do 2005 que rescatou, ¿por que?

-Fágoo moitas veces no meu traballo. Compulsivamente, gardo deseños que vou facendo e pequenas anotacións en carpetas, porque teño mala memoria. Despois, moitas veces recorro a eses arquivos e volvo para atrás na procura de cousas, aínda que afine a idea. Ademais, como lle pasa a moitos creativos, tés determinados temas e intereses que vas explorando e traballando máis, revisitando aquilo que xa fixeches. Teño catro mesas de metal que creei no 2011, que tiñan unha caixa enriba que mudaba de posición. Entón, xa traballaba con esa idea de unir obxectos, aínda que non era o mesmo. Nestas exposicións individuais conseguín crear unha narrativa propia. Non teño un cliente nin ningún tipo de constrinximento que me obrigue a responder a cuestións máis pragmáticas, que moitas veces temos que responder cando traballamos nun contexto máis comercial. Entón, as exposicións individuais permiten facer este tipo de abordaxes máis experimentais e traballar os temas con máis liberdade.

-Na sociedade de consumo actual, onde o que hoxe é tendencia mañá xa está obsoleto, ¿que papel xoga o deseño?

-Pode ter un papel perverso e traballar para iso, para que as cousas sexan hoxe fantásticas e mañá, non; ou, dependendo dos seus obxectivos, facer cousas máis universais, que duren no tempo, que non sexan escuma dun día. Iso todo ten que ver co contexto. Non só sucede co deseño, porque agora a maior parte das cousas que se fan son lixo; as cousas que duran, aquelas que pasan dez anos e aínda dicimos «isto aínda é bo» son moito menos frecuentes que o contrario.

-Vostede, neste aspecto, sempre aposta pola funcionalidade.

-Si, pero gústame provocar. A provocación non ten que ser algo aparatoso, cómico; a provocación pode ser feita en pequenos e simples xestos. Creo en crear disrupcións. De repente, a xente está habituada a ver unha cousa e a relacionarse dun determinado xeito cos obxectos e, se fas unha pequena alteración, as persoas están obrigadas a pensar.

-Leva dúas décadas traballando, ¿hai agora máis museos que apostan polo deseño?

-Si, o deseñador pasou a ter valor e hai máis museos dedicados a esta área creativa.