O cantor do Bierzo será homenaxeado na súa terra natal durante tres días

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Lembrarán a Fernández Morales, con dúas exposicións, música, recitais e unha ducia de conferencias

12 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«No mesmo medio do xardín berciano / onde situada estuvo a populosa / Bergidum Flavium qu’o poder romano / non pudo defender d’a belicosa / xente Goda; n’un val que rega ufano o Cua, ó pe d’o Castro d’a Ventosa véise unha villa d’o / xardín delicia porta de flores d’a feraz Galicia». Con estes versos de Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-Cacabelos 1896), lidos polo presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, remataba onte na sede da entidade a presentación das actividades coas que, dos días 15 ao 17 deste mes, vai ser homenaxeado o chamado cantor do Bierzo. A Casa de la Cultura de Ponferrada, o venres, o teatro Gil y Carrasco de Villafranca, o sábado, e o Museo Marca de Cacabelos, o domingo, acollerán dúas exposicións sobre este pioneiro do uso do galego e as intervencións dunha ducia de especialistas na súa vida e a súa obra. Tamén haberá música, un recital poético e unha ofrenda floral na súa tumba, o día 17, data na que se cumpre o bicentenario do seu nacemento.

A RAG, o Instituto de Estudios Bercianos, o Consejo Comarcal del Bierzo, o Ayuntamiento de Villafranca, a comisión cultural Martín Sarmiento e a Secretaría Xeral de Política Lingüística colaboran nestas actividades para recordar o legado do autor dun «libro pioneiro», como o cualificou Héctor Silveiro, académico correspondente da RAG e organizador das xornadas. Freixanes amosou o exemplar que conserva a RAG publicado en 1861, «dous anos antes que Cantares Gallegos, de Rosalía», que di na portada: «Ensayos poéticos. En dialecto berciano por el comandante de infantería e inspector provincial de estadística Antonio Fernández y Morales, con una introducción sobre lenguas, dialectos, subdialectos y jergas en general, y el origen del berciano, lengua y dialectos castellanos y gallegos en particular».

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, apuntou que este curso son dezaseis os centros que imparten galego na comarca do Bierzo.