O baile dos domingos

Daniel Granell Otero

CULTURA

Daniel Granell Otero. 48 anos. Dexo, Oleiros. Empregado de banca

31 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Era domingo pola mañá, chovía un calabobos primaveral pero esperábase unha tarde soleada. Na praza da Canteira saía a xente da misa, as mulleres camiñaban xuntas cara as súas casas pendentes dos nenos que corrían polos camiños manchando os zapatos de barro, os homes reuníanse nunha tasca aledaña para tomar uns viños e os mozos e mozas facían corrillos mentres agardaban ansiosos a chegada da tarde. Dúas familias da vila rivalizaban entre elas, encargábanse do baile e de tocar o organillo. O fillo atendía os clientes, a pequena aprendía da súa nai e irmáns axudándoos e Lola esperta e avispada coma sempre cobraba a entrada na porta da casa. Moi preto de alí a poucos metros, os Otero, familia na que unicamente había homes, facían o mesmo que os seus veciños na súa vivenda. Tres dos catro irmáns decoraban o salón e preparaban o mellor das súas roupas mentres Manolo, o maior, afinaba os instrumentos ao mesmo tempo que ensaiaba as pezas que ía tocar en poucas horas. Soñaba con ser músico e ter a súa propia orquestra, e as clases de saxo na Coruña empezaban a dar resultado. As cinco da tarde varios homes e mulleres da zona esperaban sentados nas escaleiras do cruceiro a que os salóns abriran as súas portas e outros do Burgo, As Xubias, San Pedro ou Oleiros chegaban camiñando pola ponte da Pasaxe ou polo Castaño. En pouco tempo foron formándose dúas colas, a dos Cruz e a dos Otero. Lola, coa súa simpatía habitual, falaba coa xente e pouco a pouco ía conseguindo que a súa cola medrara mais ca dos seus veciños. «Demo de rapaza», dixo Manolo cando foi advertido polos seus irmáns. Non dubidou en saír á praza cun clarinete para cambiar a situación, que se repetía de semana en semana. En poucos anos empezou a guerra e os bailes tardaron moito tempo en volver á praza, a alegría dos domingos transformouse en tristeza e algúns amigos convertéronse en inimigos pero non foi todo malo para Lola e Manolo, fixéronse noivos e casaron. El formou a súa orquestra, que foi a mellor de Galicia e se trasladaron a vivir á Coruña, pero sen esquecer a súa vila, a que visitaban continuamente lembrando a súa xuventude, pero iso e outra historia.