Cúmprense cincuenta anos da revolución cultural que o movemento «hippy» iniciou en San Francisco, na que se reivindicaron novas formas de expresión
14 ago 2017 . Actualizado a las 13:45 h.Hai cincuenta anos, milleiros de persoas chegaron a San Francisco buscando unha nova forma de vida. O barrio de Haight-Ashbury foi o escollido para dar comezo ao coñecido como o Verán do amor, no que os hippies -termo co que a xeración anterior, os chamados beats, nomearon a esta corrente de xente- iniciaron unha verdadeira revolución cultural. Querían outro mundo. Loitaban contra o poder establecido e cantaban en prol do pacifismo, o ecoloxismo ou a liberdade sexual.
Nese verán de 1967 celebrouse o Festival Pop de Monterrey, que deu comezo a ese Verán do Amor e que foi precursor doutros festivais posteriores, como o da illa de Wight ou o de Woodstock. No de Monterrey déronse cita músicos como Jimi Hendrix, Janis Joplin ou The Who. As guitarras eléctricas e os novos ritmos cruzaron o Atlántico, acompañando a todos estes valores contraculturais que aínda perduran e que forman parte do modo de vida actual. Disto dá boa conta a escritora Marilar Aleixandre, que estudou no Madrid dos sesenta Bioloxía e que asistiu a concertos como os da illa de Wight. Para ela foi moi importante a música, que lle chegaba por un programa de radio no que o presentador, que era piloto de avión, traía discos de fóra e que logo sorteaba entre os asistentes. Ademais do rock, destaca a importancia do folk, xa que «xunto con Hendrix e Janis Joplin tamén tocaban Joan Baez ou Leonard Cohen. Había unha canción protesta moi comprometida». Cos seus compañeiros universitarios organizaba sesións musicais, poñendo discos que non había no país. «Non era unicamente escoitar música, senón que había unha reflexión sobre que era esa música», afirma.
Liberdade sexual
Respecto á liberdade sexual, Aleixandre di que o que escoitaban «traía unha mensaxe de sensualidade, que non tiña o anterior, que era unha música máis lenta. Facíanos contemplar o desexo e mais o sexo dunha forma moito máis natural, na que se pasou a ver como algo normal o de bicarse na rúa ou facer o amor, se che apetecía, con alguén que coñeceras no momento». O movemento feminista e a loita pola igualdade das mulleres tamén estiveron moi presentes neses anos, nos que a autora sinala a influencia dalgunhas lecturas, como a de Sexual Politics -libro que trouxo de Londres-, de Kate Millet. «Todo iso vai constituíndo unha cultura distinta á que ti viviras. Ese ambiente no que conflúe a música con outras cousas, como a literatura ou o cine, serviron para ver certas cousas como algo normal». Aínda hoxe, os rapaces que len A banda sen futuro lle din a Marilar Aleixandre que despois de rematar a novela séntense comprendidos, o que demostra que os referentes contraculturais seguen a ser necesarios.
Sobre isto mesmo fala o músico César Morán, que recorda a influencia que naqueles tempos tiveron escritores como Herman Hesse. «Un dos libro de referencia era O lobo estepario, pero tamén líamos outros como A illa, de Huxley, ou Os vagabundos do Dharma, de Kerouac. A xeración beat influíu moito, pero as súas ideas tamén estaban no que chegou despois. Esa actitude de marchar da casa, dunha forma un tanto bohemia, está en Kerouac, pero tamén en Otis Redding ou mesmo en Hendrix».
«No momento non es moi consciente de todo o que estás vivindo, pero o que se buscaba era o oposto ao poder establecido, algo transgresor. Tiñamos que crear, e a música se nos presentaba como unha forma de expresión», lembra Morán. Todo isto levouno a fundar nos anos setenta «un grupo profesional de música libre» chamado Agra. Xunto aos seus irmáns, a idea era funcionar como unha cooperativa autoxestionada de músicos. Crear con total liberdade, pasando do rock sinfónico ao jazz. Para el, conclúe, eses anos foron como «un vento impetuoso que movía un montón de cousas, pero que non sabíamos moi ben como».
Espírito comuneiro
Dentro dese vento, ademais da música e a literatura, tamén está o cine. Isto é algo que coñece moi ben o director Ignacio Vilar, que estudou na Barcelona dos anos setenta. «Asistíamos a proxeccións de todo tipo de cine, dende o alemán ata o xaponés. Con 18 ou 19 anos tes a inquietude de buscar o mellor, e tamén o novo. O que non coñeces», di o cineasta. Un dos legados do hippismo son as comunas, tema que aparece nunha das súas películas: Vilamor. A cinta está inspirada na comuna de Foxo, na que un grupo de xente decide construír unha sociedade libre en plena ditadura franquista, e que aínda segue existindo hoxe. Os fillos e os netos daqueles comuneiros continúan facendo o pan comunal, entre todos e de forma ecolóxica.
Preguntábase Jefferson Airplane no seu tema Somebody to love se era necesario ter alguén a quen amar. A súa resposta era que si. Non había que mandar máis soldados a morrer a Vietnam. Non había que sentir vergoña por manter relacións con outras persoas. Tampouco había que destruír o planeta, atacando á natureza e ao diferente. O necesario era amar, porque ese era o único xeito de construír unha nova sociedade baseada noutros valores, noutras prioridades e noutras formas de expresión. En definitiva, outra maneira de ver a vida que, cincuenta anos despois, pode que só sexa posible buscando -e atopando- alguén a quen amar.