Abundancia e parábola

francisco x. fernández naval

CULTURA

maribel longueira

Terry Berkowitz e Francesc Torres reflexionan nunha mostra no Museo do Pobo sobre o marisqueo en Galicia

31 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O 6 de xullo, no Museo do Pobo Galego, inaugurouse a exposición Parábola da abundancia, instalación dos artistas Terry Berkowitz e Francesc Torres que reflexiona sobre a actividade marisqueira. Título feliz, que entraña unha sutil contradición: a fértil abundancia de parte dos nosos areais e o risco real que os ameaza, o que esixe coidado e atención; velaí a parábola, entendida no sentido didáctico e tamén moral.

Conta Terry que, tras filmar e fotografar as mariscadoras e falar con elas, logo de pasear as corredoiras, de advertir que había leiras nas que nacían cultivos que ninguén recollía, regresou a Nova York. Alá chegoulle a nova dunha toxina que causaba a morte dos bivalvos e ameazaba o marisqueo. Mar e terra vizosos pero fráxiles, pensou, sometidos á presión do despoboamento e da contaminación. De aí xurdiu como metáfora o título da exposición.

Terry Berkowitz naceu en Brooklyn, aínda que medrou en Nova Jersey. De antepasados xudeus, procedentes do leste de Europa, é profesora de Arte na Universidade da Cidade de Nova York. Artista recoñecida, aprecia tres liñas na súa obra: o compromiso social como base, a realidade da muller e a inxustiza excluínte. Escultura, fotografía, vídeo, música, entrevistas, oralidade, son algúns dos materiais que nutren as súas instalacións. Salientar os traballos coas mulleres saharauis e palestinas, cos refuxiados do Mediterráneo, a visibilidade que deu ás filipinas escravas do exército xaponés na Segunda Guerra Mundial, ou a pegada dos xudeus sefardís. Actualmente preocúpalle como enfrontar o que acontece no seu país, e teme porque se perdan os dereitos conseguidos.

A Costa da Morte

O 27 de setembro do 2008, co gallo dunha exposición retrospectiva programada polo Museu d’Art Contemporani de Barcelona, La Voz de Galicia publicaba unha entrevista co artista catalán Francesc Torres. Falaba el de integrismo, de guerra, de memoria histórica e, tamén, da súa relación con Galicia, en particular coa Costa da Morte: «Hai lugares e paisaxes que te chaman e outros que non. Con eles prodúcese unha reacción química moi forte. Iso pásame coa Costa da Morte... Aquí mandan a paisaxe, o mar; é a natureza quen di o que se pode facer, volvo á orixe e traballo coa chuvia e co vento».

Na exposición do Macba Francesc incorporaba, por primeira vez, obra realizada en Galicia porque, co tempo, aprendeu a manter unha relación íntima e introspectiva coa paisaxe, descubriu o baleiro do areal cando o devalo, o capricho do vento, a fonética e a prosodia das falas. Nun proceso constante, agromou nel un fondo vínculo emocional co noso mar. Hoxe recoñece que na vida descubriu lugares nos que vivir e uns poucos nos que morrer, que son os importantes. Entre estes a Costa da Morte.

No 2014, Francesc convoca a Terry para compartir con ela esa emoción. Deciden elaborar xuntos un proxecto que recolla, sequera en parte, a paixón que neles suscita o litoral galego e a relación cos seus habitantes. A teima de Francesc co mar e a preocupación de Terry polos mundos da muller, foron orientando a súa atención cara o marisqueo a pé. Velaí o punto de confluencia. Así nace Parábola da abundancia. Será Lino Lema quen pense na posibilidade de que dous artistas da máis radiante contemporaneidade, afastados do xeito tradicional de amosar os contidos etnográficos, participen na celebración do corenta aniversario do Museo do Pobo Galego, onde se poderá ver a exposición ata o vindeiro 24 de setembro.

Catro dimensións

O resultado é esta proposta expositiva que, dende a estética das vangardas, tenta ollar doutro xeito unha actividade de tanta carga etnográfica e tan importante dende o punto de vista social e económico, como é o marisqueo. Obra única en catro dimensións e tres espazos, libro visual protagonizado polas mariscadoras, que debe lerse en conxunto, xa que, como di Francesc, a narración que emerxe dunha instalación é esférica. A experiencia e capacidade integradora permitiulles incorporar un «sacho de pedra», que pode verse tras o cristal que pecha unha estreita escaleira na Sala de Rexedores.

«Nesta intervención... hai unha sensación de incautación de pensamento, de dor pola perda, é unha percepción similar a cando se arrasa cunha biblioteca, se queiman libros ou se destrúe unha obra de arte», escribe Mercedes Rozas, comisaria da exposición. É certo. A perspectiva que Terry e Francesc nos ofrecen, corresponde á sensibilidade de dous artistas que se saben parte desa humanidade que camiña desconcertada polo gume dun tempo de cambio.