A metade dos textos lésbicos da Europa medieval son en galego

Carlos Callón afonda na homosexualidade no trobadorismo


santiago / la voz

Sancha e María viviron na rúa da Moeda Vella, a carón dunha catedral compostelá con fachada medieval. Sancha e María viviron xuntas. Porque eran parella. Sancha e María son un caso único en Europa. A única parella lésbica da Idade Media da que se coñecen os nomes. Non porque as castigaran por amarse. Senón porque lles dedicaron os versos dunha cantiga.

Como o de Sancha e María, hai máis casos. Aínda que anónimas nas súas protagonistas -dicía Virgina Woolf que na meirande parte da historia, «anónimo» é unha muller- ata hoxe teñen chegado máis textos do trobadorismo con temática homosexual. Carlos Callón amoreou un bo feixe de notas á marxe e ao pé das páxinas dos estudos doutros investigadores para a súa tese, coa que obtivo a semana pasada a máxima cualificación e a través da que descubriu que dos pouco máis de vinte textos de todas as literaturas medievais que falan de lesbianismo, a metade están escritos en galego. Unha ducia. Son poucos, é certo. Pero é que «a diferenza da homosexualidade masculina, a feminina está moi influída pola misoxinia», explica o doutor en Filoloxía. Así que hai máis ocultación.

Nesa ducia tamén está a composición de Pedro Eanes Solaz Dizia la ben-talhada, unha cantiga de amiga que sufriu un cambio de xénero. Repasou Callón todas as edicións, dende o século XIX, dunha cantiga que era de carácter lésbico. Os editores, un tras outro, mudáranlle os pronomes para facela heterosexual e onde había un «a», aparecía un «o».

Non é un caso único. Fala Carlos Callón de que Nuno Porco compuxo unha cantiga de amigo na que a palabra namorado se mudou por namorada. Pero da Ponte falaba na súa composición satírica das queixas dun home pola insistencia dun pretendente e usaba a palabra guardado. Que logo mudou en guardada.

De escarnio é a cantiga de Pero da Ponte, como de escarnio son a meirande parte das cantigas medievais con temática homosexual. Agora ben, tamén acontece que as lentes do prexuízo actual ás veces fan ler cousas que, en realidade, non están nos textos, como críticas ao lesbianismo que poida que non o sexan, ou as que se tomaron como críticas á homosexualidade que só afean o rol sexual pasivo, xa que «mesmo hai unha visión positiva nalgúns casos de homes que manteñen un rol activo, pois a súa virilidade non se poría en cuestión». E a crítica, de todos os xeitos, «non é como a que se formula nos textos relixiosos e lexislativos, que na mesma época pedían o asasinato», mentres as cantigas se poden considerar «unha crítica entre colegas».

Prexuízo, porén, hai. Moitos que se teñen mantido durante mil anos. Os mesmos que hai hoxe: eles non son virís. Elas son unhas viciosas. Porque «cansan dos homes e aínda non están saciadas».

As cantigas que falan de relacións intermasculinas úsanse como arma política. «Un dos máis criticados é unha figura que os investigadores identificaron como o líder dos nobres galegos que se estaban rebelando contra Alfonso X, Esteban Fernández de Castro. Dicían que non podía gobernar porque era sodomita». Era un pecado que non había que probar. E usouse contra os cátaros, contra a orde do Temple. E ata contra Xoana, a Beltranexa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos
Comentarios

A metade dos textos lésbicos da Europa medieval son en galego