Do neno Leliño ao poeta Manuel Antonio

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xosé Luís Axeitos pescuda no ronsel do autor e mariño nunha minuciosa biografía que documenta a evolución persoal, política e literaria do escritor de Rianxo

26 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Antonio Pérez Sánchez (Rianxo, 1900-1930) pasou á historia da literatura galega como Manuel Antonio. Pero para os amigos foi sinxelamente Manolo. E para a familia, Lelo, mesmo Leliño cando novo. Cada un destes nomes remite a unha percepción diferente da mesma persoa, cuxa complexa personalidade non deixaba de ser a suma de todos eles. Con paciencia e minuciosidade, son agora desmontados e reconstruídos polo académico e especialista na obra do rianxeiro Xosé Luís Agrelo, quen tras editar a súa obra completa -prosa, poesía e epistolario- entrega agora a peza que faltaba, a biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais).

O resultado é unha achega tripla a Manuel Antonio -persoal, política e literaria- cimentada sobre a precisión dos detalles. «Se digo que Manuel Antonio foi un rapaz louro, é porque a nai lle cortou e conservou un guecho», ilustra Axeitos, quen navegou polo longo ronsel de documentos, fotografías, libros e demais rastros que sobreviven a unha existencia, ata retratar á persoa tras o nome nos manuais de literatura. Un traballo no que o biógrafo intentou conscientemente evitar a haxiografía, un perigo no que podía caer dada a simpatía que sentía polo personaxe -«tratei de non obviar as súas contradicións»-, e que devolveu unha imaxe ás veces reveladora. «Hai unha certa tendencia a ver a Manuel Antonio como un pedichón, que sempre lle anda a pedir cartos e cousas á nai. Pero cando lle di que lle envíe diñeiro para pagarlle un xantar ao sarxento que lle fixo a instrución militar en Santiago, comprobei no BOE que efectivamente era así, que estaba obrigado a facerlle un agasallo ou convite», relata Axeitos.

Deste xeito, a biografía arranca do contexto familiar e social dos anos primeiros de Manuel Antonio, para trazar a súa evolución política e literaria. No primeiro eido, o futuro poeta descubrirá o galeguismo ao mesmo tempo que sufre unha crise relixiosa, fervor que traspasa ao seu novo credo: con outros amigos asinará un pacto de sangue. A vocación literaria, en cambio, está xa presente dende moi novo. «Quixo ser poeta, de sempre», confirma Axeitos, quen subliña como a expresión escrita e verbal era o medio que tiña Manuel Antonio de interpretar o mundo e expresarse cara a el. Aí están as ducias de poesías que copiou -igual que as letras dos fados- de modernistas como Rubén Darío ou Villaespesa, modelos iniciais cos que máis tarde rompería. 

Batalla interior

Axeitos tamén coloca o foco sobre o que denomina «a dura batalla» que librou Manuel Antonio por estar á altura el mesmo das rigorosas esixencias literarias que se marcara, o que o mergullaba nun mar de dúbidas e rexeites dos seus propios textos. Un rigor que se concretaría ademais na ruptura coa xeración dominante entón na cultura galega -«decatouse inmediatamente de que os de Nós xa eran vellos»- e a publicación do manifesto Máis Alá, que caería como unha bomba entre os seus coetáneos.

Páxina a páxina, Axeitos debulla a personalidade dun Manuel Antonio fascinante que emerxe da inxente documentación. Facturas, recibos ou cartas dan fe da amplitude e alcance dos seus intereses bibliográficos, mentres que os diarios de navegación como os do Constantino Candeira iluminan unha faciana menos coñecida pero decisiva da súa vida. Como non pasa inadvertido o adolescente que lle presta á moza que cortexa libros de poemas, que ela lle devolve con flores aromáticas do xardín entre as páxinas, nin o adulto que faleceu prematuramente: Manuel Antonio acumulou documentación variada arredor da tuberculose que ao cabo o levaría: «Un conxunto de silencio e de temor».