Un gaiteiro de Canido para o mundo enteiro

Coa morte de Antón Varela Galicia perde unha das figuras centrais da música tradicional, un artista que brillou á vez como luthier e como intérprete

.

FERROL / LA VOZ

A morte, que sempre golpea sen piedade pero que ás veces pode chegar a ser dunha crueldade extrema, acaba de facer agora que Galicia volva ser aínda máis pequena. Antón Varela, Tonecho, gaiteiro de formacións lendarias coma Os Cempés, Raparigos e Berros do Castro, ademais de luthier dunha excepcional delicadeza, capaz de converter cada instrumento saído do seu taller nunha obra de arte absolutamente única, faleceu onte, cando acaba de saír á luz o seu último disco, Catálogo de sons: unha gravación na que, prescindindo de todo canto é superfluo, camiñaba, coa luminosidade e o paso firme dun auténtico mestre, pola verdadeira esencia de creación, que na arte é o que nace destinado a existir para sempre.

Era, Tonecho, un home dunha bondade e dunha xenerosidade infinitas. E iso convén facelo constar, tamén, por toda a grandeza que habita esa maneira de estar no mundo, por completo infrecuente. Nacera, no ano 1955, no barrio ferrolán de Canido, na rúa Ínsua, que en verdade era tal (unha auténtica illa, aínda que non estivese pegada ao mar: unha illa en terra, un mundo enteiro...), un lugar no que as portas das casas sempre estaban abertas. Levou dentro de si, ata o final, ese mundo da infancia: ese Canido que era, ao mesmo tempo que un lugar cheo de hortas no que seguía viva a esencia das vellas culturas rurais, o barrio situado no punto máis alto de Ferrol, da cidade ilustrada que, á beira do océano, construía inmensos barcos.

Traballador do sector naval

O propio Tonecho tamén foi, de feito, durante unha parte moi importante da súa vida, traballador do sector naval, coma tantos e tantos dos seus amigos. Traballador de Bazán e, antes diso, de Correos. Pero deixou todo para concentrarse na música, que era a súa verdadeira vocación. Prescindiu da seguridade dun traballo fixo para formarse, como luthier, á beira do patriarca da familia Seivane. E o seu taller da rúa San Francisco, en Ferrol Vello, moi cerca do porto, acabou por converterse nun centro de peregrinación no que se daban cita gaiteiros de todos os países. Hoxe, as súas gaitas -coma a súa música- están por medio mundo, por non dicir que no mundo enteiro. O seu pai, ferrolán, home de firmes conviccións e boxeador afeccionado, fora represaliado polo seu pensamento republicano. A súa nai, chegada a Ferrol desde Irixoa, era unha muller dunha dozura inmensa. Ambos os dous seguiron vivindo, tras marchar ao que nós chamamos morte, no seu fillo, que era coma eles. E agora, aos 61 anos, Tonecho marchou a onde eles están. Pero non nun día calquera, senón un 25 de xullo. O Día de Galicia. Para tocar, eternamente, no Río Branco do Firmamento: entre as estrelas.

Votación
47 votos
Comentarios

Un gaiteiro de Canido para o mundo enteiro