Os poetas cantan a plenitude de Luz Pozo

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

A RAG acolleu unha homenaxe lírica e musical con motivo do seu 95.º aniversario

22 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Querería ter apertado no meu corazón a todos vós, pero non chego... Estas cousas tan fermosas que tedes dito. Estame tremendo o corazón...». Son as emotivas palabras que dicía Luz Pozo Garza cando remataba a homenaxe que recibiu onte na Real Academia Galega con motivo do seu 95.º aniversario. O salón de actos quedouse pequeno para escoitar o recitado de dez poemas da escritora celebrada na voz doutros tantos poetas de distintas xeracións que explicaron o porque das súas escollas e o significado persoal da obra desta autora.

No acto interviron Marilar Aleixandre, Xosé Luís Franco Grande e Manuel Rivas, quen lembrou que fora alumno dela nas clases de literatura do instituto Monelos da Coruña; Xosé María Álvarez Cáccamo e Pilar Pallarés, novos poetas cando publicaron na revista Nordés que dirixía a homenaxeada; Eva Veiga e Olga Patiño, que se visibilizaron como poetas ao tempo que tomou o relevo do facho poético outra xeración, e Yolanda Castaño e Olga Novo, parte desas novas voces que emerxeron a mediados dos anos 90. Nas súas voces soaron versos de Concerto de outono (1981), Prometo a flor de loto (1992), As arpas de Iwerddon (2004) e Rosa tántrica (2016).

Tamén soou un poema inédito que fora elixido por Salvador García-Bodaño, quen finalmente non puido acudir, e que leu Olivia Rodríguez. Esta foi a encargada da edición, coordinación e paratextos do libriño Un pozo de luz que, deseñado por Pepe Barro e publicado pola RAG, recolle as intervencións que tiveron lugar na tarde de onte. O opúsculo inclúe tamén as olladas sobre a obra de Luz Pozo Garza que achegaron o poeta e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética, Claudio Rodríguez Fer, e o académico e ex presidente da RAG Xesús Alonso Montero. Figuran ademais os tres poemas que Pozo dedicou a Rosalía de Castro e que foron interpretados sobre a partitura creada para eles polo compositor e profesor violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia Gabriel Bussi, na voz da soprano Patricia Rodríguez Rizo acompañada polo Quinteto Cimarrón.

Estaba previsto que o presidente da RAG, Víctor Freixanes, pechara o acto falando de «autenticidade, elegancia e beleza» para retratar a Pozo. «Pero despois de todo o que se dixo -apuntou non sen humor- non vou ler nada». Agradeceu Freixanes a participación de todos, salientou que alí se xuntaran a luz das rías de Vigo e da Coruña e recitou unha das cantigas de amigo. Aproveitou para falar da necesidade de recuperar a obra de Eduardo Moreiras, que fora o home de Luz, moi presente nunha homenaxe na que os poetas cantaron a plenitude de Luz Pozo Garza.

«Os meus pais sabían de memoria moitísimos poemas de Rosalía», lembrou a escritora

«Grazas ao presidente saínte, Xesús Alonso Montero, que en 1950 fixo que eu entrara na Real Academia, primeiro como correspondente e despois, en 1966, como numeraria». Era o agradecemento de Luz Pozo despois de preguntarse en voz alta que sería dela «se non houbera unha Real Academia que me acollera con tanto amor». Na súa intervención, Alonso Montero falou dela como «poeta do amor con maiúsculas, cantora consubstancial do amor, decenas e decenas de poemas desde nova ata hoxe».

A homenaxeada contou como «ao principio escribía en castelán, aínda que na miña casa líase moito a Rosalía, os meus pais sabían de memoria moitísimos poemas dela, que para min era como unha segunda nai». Explicou que non escribía en galego «porque na casa falaba en castelán e parecíame normal escribir como falaba; pero cando empecei dinme conta que era completamente diferente, non que fora mellor nin peor, porque as linguas non son mellores nin peores: as linguas son fermosas, son necesarias, pero son distintas».

Luz Pozo, que está preparando un novo poemario, falou tamén «dun libro que se chama Alba de mulleres de Carmen Blanco», que recomendou vivamente a homes e mulleres, «os que son feministas e os que non o son», xa que nese volume están «todas as mulleres do mundo». Rematou lembrando aos seus amigos («que pasaron anos e anos escribindo sobre min») os Pociña, que están en Granada e «non puideron vir e estaban moi desgustados». E repartiu bicos para todos.