Tres obras compiten polo Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia

A narración gañadora coñecerase no transcurso dunha cea literaria que se celebrará este xoves


redacción / la voz

A 17.ª edición do Premio de Novela por Entregas que convoca La Voz de Galicia en colaboración con Ámbito Cultural de El Corte Inglés xa ten finalistas. Son tres obras das 19 presentadas este ano, unha das edicións con maior participación. Os tres orixinais que optan a gañar o galardón, que se fallará este xoves, son os seguintes: Walkiria, presentado co pseudónimo Amazonía; A vívida vida dun billete de cincocentos euros, co lema Florbela Espanca; e A senda de sal.

A obra vencedora e a identidade do seu autor ou autora daranse a coñecer o vindeiro xoves, no transcurso dunha cea literaria que se celebrará no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, nas instalacións de La Voz en Sabón.

Walkiria pode enmarcarse no xénero de aventuras. Relata o encontro na beira da selva brasileira entre un piloto español republicano e un profesor universitario e enxeñeiro de minas portugués: ambos comparten inimigos comúns, Franco e Salazar, e axiña compartirán algo máis, a aventura por atopar un tesouro de pedras preciosas. A eles sumarase a Walkiria, unha misteriosa muller de orixe nórdica que canta nun cabaré pero que agocha moitos segredos.

Pola súa banda, A vívida vida dun billete de cincocentos euros responde cumpridamente ao que o seu título enuncia: a través dos intercambios que protagoniza un billete de cincocentos euros a obra vai presentando un monllo de personaxes, ás veces cunha conexión previa entre eles, outras veces froito do azar, e os capítulos seguen as idas e vindas dos cartos, que mesmo cambian varias veces de países, ata chegar a mans anónimas e famosas de forma inesperada.

Por último, A senda de sal é unha novela de clara vocación mariñeira. A obra arranca coa morte próxima dun vello mariñeiro que lle relata unha historia do seu pasado máis distante, de cando era neno e obrigado pola vida tivo que entrar de xeito precipitado no mundo dos adultos, facéndose cargo do barco do pai. O relato remóntase aos tempos da Guerra Civil e da Segunda Guerra Mundial, coas relacións cruzadas que propiciaron entre países na costa galega.

Dotación e publicación

O Premio de Novela por Entregas está dotado con 10.000 euros. A obra gañadora será publicada no xornal e na súa edición dixital durante o mes de agosto, a razón dun capítulo cada día. As Páxinas Literarias de La Voz completaranse cos relatos enviados polos lectores.

Nestes máis de quince anos de historia do premio, a nómina de gañadores sumou a autores como Marilar Aleixandre, Emilio Alonso, An Alfaya, Blanca Riestra, Concha Blanco, Xosé A. Perozo, Miguel Suárez Abel, Arantza Portabales, Francisco Castro, Diego Ameixeiras, Fran Alonso, Ángel de la Cruz ou Santiago Lopo, entre outros.

Algúns xa eran autores de longa traxectoria cando gañaron o premio, mentres que outros, como o caso de Alberto Ramos, estaban a iniciar a súa carreira literaria.

Votación
2 votos
Comentarios

Tres obras compiten polo Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia