«O mar é unha fronteira propia do realismo máxico»

borja casal / x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

A escritora Vanesa Santiago presenta a novela coa que gañou o Illa Nova, unha reinterpretación do xénero das viaxes

13 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vanesa Santiago (Fontán-Sada, 1983) vén de gañar o premio Illa Nova de Narrativa, que organiza Editorial Galaxia para menores de 35 anos. A presentación do libro, A vida sinxela de Marcelo Firmamento, será hoxe na Coruña e terá lugar en El Corte Inglés de Ramón y Cajal ás 20.00 horas. Esta é a segunda novela dunha autora moi influenciada pola tradición oral e o mundo do mar.

-¿Que lle contaría sobre o protagonista, Marcelo Firmamento, a un posible lector?

-Pois que Marcelo é un mariñeiro e veciño de Sada, que nace dun xeito que xa presaxia unha vida algo diferente a do resto de veciños. Coido que á xente vaille interesar porque vai vivir unha serie de aventuras que mesturan fantasía e realidade.

-¿Cando nace a «A vida sinxela de Marcelo Firmamento»?

-De verterse no papel, nace cando aparece a convocatoria para o premio, porque ata entón non tiña escrito nada do libro. Creo que é unha historia que se foi desenvolvendo comigo dende a nenez, xa que conto cousas que eu mesma vivín ou que me contaron, e que xa estaban aí para saír á superficie.