Os camiños que abriu Agustín

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Oscar Vazquez

A piques de conmemorarse o seu cabodano, a presenza literaria de Fernández Paz non diminúe, coa publicación de novos libros e a súa posición nas letras galegas

02 abr 2024 . Actualizado a las 21:37 h.

«Cos seus libros póstumos publicados ao longo deste ano semella que Agustín está aínda entre nós». O crítico literario Ramón Nicolás resume o sentir dos moitos lectores que tivo en vida Agustín Fernández Paz, de quen o vindeiro mércores se fai o primeiro cabodano do seu pasamento aos 69 anos. A recente publicación de Un mundo de palabras (Xerais) testemuña ese fenómeno dobre: dunha banda, propicia esa miraxe dun escritor en plena actividade; doutra, é un chanzo máis na obra dun autor que precisamente por vocación e calidade se situou sempre fóra do tempo.

Esta calidade inflúe na percepción do conxunto da súa escrita: «Éme difícil avaliar se se produciu algunha modificación na avaliación da súa obra en conxunto na sociedade lectora pois para min sempre foi un dos grandes autores contemporáneos: coidadoso na súa obra ata a extenuación abriu, ademais, camiños polos que novas xeracións transitan agora», analiza Nicolás, quen tamén invoca a atemporalidade dos libros de Fernández Paz: «Ao tratarse, a súa, dunha obra con clara vocación de permanencia non é difícil conxecturar que, co paso de tempo, vaiamos notando máis a súa ausencia, malia que sempre teñamos o consolo de atopalo nos seus libros».

«Confío que a medida que pase o tempo, a figura de Agustín Fernández Paz ocupará o espazo que merece na literatura galega de entre séculos, tanto polo seu papel fulcral no desenvolvemento do subxénero infantil e xuvenil como, e sobre todo, pola súa forma de entender a fluidez da escrita narrativa», vaticina o seu editor, Manuel Bragado, director de Xerais. Neste selo aparecerá no 2018 A patria da lingua, «unha obra que Agustín deixou planificada aínda que non puido finalizar completamente» sobre cuestións de política lingüística. Sobre a mesa está tamén a posibilidade de publicar outro inédito, un texto de teatro para monicreques, mentres Xerais continuará co «proceso de comunicación do conxunto da obra de Agustín» e a súa colaboración co premio de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que leva o seu nome e que resolverá a súa primeira convocatoria este outono en Vilalba.

Tanto Ramón Nicolás como Manuel Bragado citan a influencia vixente de Fernández Paz nunha «xeración de lectores e lectoras literarios, que agora se está incorporando como autores e autoras da narrativa galega de hoxe, e que o recoñecen como o seu mestre indiscutible», expón o editor, para quen Fernández Paz non era só un escritor máis do catálogo, senón alguén que contribuía coa súa voz ás cuestións actuais. «Non nego que ao longo deste ano botamos moito en falta o criterio equilibrado co que Agustín participaba nos debates da nosa sociedade literaria, ese entusiasmo militante que tantos azos nos achegou en momentos de confusión e incerteza como os que vivimos», lembra o editor, quen evoca ademais a engaiolante personalidade do escritor: «Agustín deixou un amplo legado literario, que aventuro continuará interesando ao lectorado de xeracións futuros, ao tempo que unha pegada marcante nos nosos corazóns».

Os trucos do maletín e a maxia dos anuncios por palabras

A poeta Olalla Cociña (Viveiro, 1979) pertence a unha xeración que, malia a diferenza temporal, conectou de xeito inmediato coa proposta literaria de Agustín Fernández Paz. Cociña representa tamén a ese grupo de persoas que empezaron a ler a Fernández Paz para logo converterse en autores, un proceso ao que non foron alleas as súas lecturas do escritor. «Coñecino sendo adolescente porque tiven a sorte de formar parte do xurado do Premio Merlín», lembra a autora. Caímonos ben. «Eu era lectora devota, e comezamos a escribirnos. Abría as súas longas cartas coidadosamente mecanografadas sentíndome importante: el contábame os intríngulis da escrita, os libros nos que andaba, e tamén cousas da vida, sen escatimar tempo nin estilo nin espazo. Eu respondíalle coas miñas movidas, falabamos de igual a igual», rememora. O propio Fernández Paz era consciente desta influencia en lectores máis mozos e, malia ser alleo aos excesos do ego de tantos creadores, comentábao con orgullo contido.

Ademais dese fío de comunicación, que convertía a Fernández Paz no escritor ideal segundo o criterio de Holden Caulfield, o inesquecible protagonista de O vixía no centeo, de Salinger -«O que en realidade me gusta é cando rematas de ler un libro e che gustaría que o autor que o escribiu fose o teu gran amigo e puideses falarlle por teléfono cando che petase»-, tamén estaban os libros. «Lembro que ler Contos por palabras me abriu a mente, de adolescente: na realidade atopábase todo o material da fantasía. Corredores de sombra é unha escusa para falar do que supuxo a ditadura franquista, que dalgún xeito era o que el quería», enumera Olalla Cociña.

O fomento da lectura

De Agustín Fernández Paz tamén fascinaba como se servía da maxia da literatura para os seus propósitos pedagóxicos, o fomento da lectura, o máis prioritario. «Quería que os nenos lesen, sempre pensando en como fomentar a lectura, sacando pequenos trucos do seu maletín, recordando os nomes dos nenos anos despois. Acudía a calquera colexio humilde antes que aos actos de loas...», lembra a poeta, quen cita un encontro da súa nai, mestra en Viveiro: «Miña nai cóntame:

‘Recordo que foramos tomar algo un día dos tres que veu falar cos nenos e colleu La Voz para mirar os anuncios. Entón sacou moi misterioso varios recortes de anuncios do peto da chaqueta e dixo que eran incribles, que aí había moita historia. Durante un tempo eu imiteino buscando anuncios e dádollos aos nenos’».