Alumnos de vinte países participan no curso de galego da RAG

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

No programa internacional, que cumpre trinta anos, colaboran a Xunta, a Deputación da Coruña e a USC

04 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis dun cento de mozos e mozas de vinte nacionalidades (Alemaña, Austria, Brasil, Reino Unido, Canadá, República Checa, Chile, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Hungría, India, Italia, México, Polonia, Romanía, Portugal, Ucraína, Xapón e de diferentes autonomías de España) participan este ano no programa Galegos sen fronteiras, que se desenvolve ata finais de mes na en Santiago e na Coruña.

Esta actividade, que organiza a Real Academia Galega (RAG), en colaboración co Instituto da Lingua Galega (USC), a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña, cumpre trinta anos de intenso traballo.

Oitenta alumnos formaranse ata o día 24 na capital galega e os vinte restantes desenvolverán o programa na Coruña, con actividades comúns que inclúen a súa participación en actos culturais e visitas. Pero o mellor remate a súa experiencia, como lles suxeriu a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmarín, sería que ampliasen a súa presenza en Galicia para participar na Feira das Industrias Culturais, Culturgal, e rematar coas festas do Apóstolo.

Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, lembrou no acto de Santiago un poema de Álvaro Cunqueiro inspirado nas cantigas de amigo para adiantarlle aos participantes no curso que cando marchen levarán «saudade de nós, morriña de nós», porque así pasou con moitos dos alumnos de cursos anteriores, ata o punto de que non son poucos os casos de participantes neste programa que ficaron en Galicia ou desenvolven a súa actividade académica en contacto co galego.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, participou na presentación dos cursos en Santiago e na Coruña, destacando nos seus discursos que «na actualidade, o galego é obxecto de estudo en 15 países en virtude dos acordos que a Xunta ten establecidos con 35 universidades», sinalando tamén que neste momento a Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos forma a máis de mil alumnos, algúns dos cales participan no programa Galego sen fronteiras.

Klara Kozul, Ivona Lourekovic e Marina Camargo son tres do cento de alumnos do programa deste ano e onte acudiron ao acto de presentación do curso. Kozul e Lourekovic son croatas e estudan linguas en Zadar. As dúas recibiron bolsa para participar por primeira vez neste programa e, malia a que non falan galego, recoñecen o seu interese por el. O que si entenderon e a mensaxe de que «Galicia engancha», unha idea que tamén calou en Marina Camargo, estudante de Mallorca, que participa neste programa por primeira vez. «Me encantaría conocer todas las lenguas que se hablan en España porque eso es algo que enriquece mucho nuestro país y no debemos perderlo», afirma.