María Victoria Moreno, filóloga sen fronteiras

CULTURA

Amaba tanto as palabras que foi unha filóloga sen fronteiras: amou as verbas do idioma castelán e sentiu devoción polas de Rosalía e Cabanillas

02 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando unha muller é designada para unha responsabilidade importante, sexa no eido da cultura ou en calquera outro, ás veces esta designación suscita dúbidas mesmo entre algunhas mulleres. A muller, pois, está baixo sospeita, sospeita que desaparecería se, antes de emitirmos un xuízo pouco favorable ou ambiguo, recadamos a información que as musas éticas da erudición aconsellan sempre. A filóloga arxentina María Rosa Lida (1910-1962) non foi grande por muller; foino, pese a ser muller naquel tempo e naquel lugar, polo seu inxente e sagaz saber nos estudos romanísticos, algúns moi ben asentados nas raíces clásicas.

Filóloga foi, mesmo no sentido etimolóxico («quen ama a palabra»), María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, 1941?Pontevedra, 2005). Amaba tanto as palabras que foi unha filóloga sen fronteiras: amou as súas palabras, as do idioma castelán (nacera en terras de Cáceres), e sentiu devoción polas palabras dos mellores poemas de Rosalía de Castro e de Ramón Cabanillas, que leu con entusiasmo desde os 22 anos, cando chegou a Galicia na compaña do seu marido, José Luís Llácer, valenciano que non tardou en ser director do Colexio de Cegos de Pontevedra. Coñecéranse en Madrid, na Facultade de Letras, onde María Victoria cursou, con brillantez, os estudos de Filoloxía Románica á sombra de Rafael Lapesa e de Dámaso Alonso, anos antes mestres meus.

Ese saber técnico está na base dun manual que titulou As linguas de España, onde a autora pon a súa claridade pedagóxica e a nosa visión periférica da España plurilingüe. Este era o evanxeo que ela transmitía, nos institutos, incluso nas clases oficiais de Lingua e Literatura españolas, e máis aínda nas clases de Galego «toleradas» polo Goberno Civil en Amigos da Cultura de Pontevedra desde 1971.

Nesta tarefa case de apostolado (ensinar unha lingua marxinada falada polas xentes desfavorecidas) continuou varios anos ata que, a fins de 1974, despois de impartir un curso «semiclandestino» de Galego no Ateneo e Ourense, a Policía retiroulle o pasaporte, e fíxoo porque estaba desconcertada co labor -e o predicamento- de quen, non sendo galega, asumira o compromiso público de defender e explicar a lingua de Martín Codax, de Rosalía, de Álvaro Cunqueiro e de miles e miles de desfavorecidos do país; tamén lle retiraron o pasaporte porque a Policía pontevedresa case tiña a certeza -despois do curso de Ourense- de que a estraña profesora era do Partido Comunista. Eu teño a obriga de declarar hoxe o que non foi posible facer daquela: nunca militou no Partido, nin sequera cando, con Alfredo Conde, rexentou unha librería en Pontevedra.

O manual Verso e prosa, tamén de 1991, é un prodixio de rigor, de amor e de pedagoxía como introdución aos estudos literarios, a pedagoxía e a paixón que María Victoria puña no instituto de Lugo cando, no curso 1965-1966, gañaba para a causa da Literatura a alumnos como Xesús Rábade Paredes.

Desde esas datas, en que nos coñecemos, o trato con toda a miña familia foi moi intenso, tanto que algún dos meus fillos posúe hoxe curiosos inéditos de María Victoria. Desde aqueles anos de Lugo a cidadá María Victoria Moreno Márquez comprometeuse, dentro e fóra das aulas oficiais, coa causa da lingua galega con todas as súas implicacións e consecuencias pese a que o entorno familiar foi moi esixente con ela, moi duro ás veces. No seu compromiso idiomático era, na esixencia, lapesiana: falaba o galego con prosodia e xeito de falante autófona, non alófona.

Ser humano de extraordinarias virtudes e profesional con vocación e notable erudición, non tardou en chegar cos seus relatos aos adolescentes, un deles, Anagnórise (1988), vinte veces reeditado e traducido a varias linguas. María Victoria, mestra da palabra, das nosas palabras, e atenta ás inquedanzas da adolescencia, soubo engaiolalos literariamente e tamén espiritualmente. A nosa escritora xa deslumbraba aos rapaces en 1973, data de Mar adiante, o seu primeiro libro de contos.

Poeta, tradutora, conferenciante e autora de excelentes libros de texto, deixounos ao final da súa vida unhas reflexións sobre o cancro de mama (o seu) que é unha lección de estilo e de humanidade. Pouco antes escribira un ensaio esclarecedor sobre os Seis poemas galegos de García Lorca.

Quizais o capítulo máis valioso e eficaz na biografía intelectual de María Victoria sexa o de profesora, oficialmente de Lingua e Literaturas españolas. Foino nos institutos de Lugo, Vilalonga e Pontevedra, nesta cidade durante décadas. Na súa cátedra oficial decidiu que falasen poetas case sempre silenciados: Antonio Machado, García Lorca, Luis Cernuda, Miguel Hernández… e tamén Rosalía, Curros Enríquez, Cabanillas e os novísimos da poesía galega (Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo, Fiz Vergara Vilariño…). Ignoro cantos alumnos descubriron, oíndo á profesora, que eles tamén podían ser escritores, pero sei, de boa fonte, que centos e centos de escolares descubriron nas súas clases o pracer e a necesidade da lectura. María Victoria foi, en Galicia, unha fábrica letraferidos (lletraferits, dito en catalán, lingua que ela coñecía e traducía tan ben).

«Comprometeuse coa causa da lingua galega en todas as súas implicacións e consecuencias»