De Valle-Inclán a Rulfo

Carlos G. Reigosa
Carlos G. Reigosa O VAGALUME

CULTURA

30 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se Valle-Inclán fose mexicano, tería escrito coma Juan Rulfo, ou parecido, afirmaba un crítico español en 1970. E coido que tiña razón porque, ao meu ver, o xeito literario do autor de Pedro Páramo ten unha pureza e unha profundidade que axusta con inaudita precisión o fondo e a forma na súa obra. Isto explica que o mexicano, nacido hai cen anos, fose moi admirado polos autores do boom latinoamericano, sobre todo quizais por García Márquez e Bryce Echenique. A fantasía de Rulfo ten unhas sólidas raíces na realidade, pero, cando se converte en literatura, xa non é realidade, senón poesía, é dicir, verbas alzadas do chan, nun tempo narrativo case indescifrable.

¿Realismo máxico? Si, porque Rulfo manipula o tempo real dun xeito narrativo case cinematográfico, cheo de viveza e de forza, pero tamén de misterio. Quizais por iso el, sempre tan humilde, non deixaba de repetir, en voz baixa, que para entender as súas obras había que lelas varias veces, «tres polo menos». Non é posible comprender e profundar doutra maneira en Pedro Páramo. Porque a prosa de Rulfo esixe esa colaboración para dar de si toda a súa grandeza visual desveladora dunha gran epopea.

Escribín xa aquí sobre Rulfo e Álvaro Cunqueiro porque creo que hai tamén unha relación directa entre os mundos de vivos e mortos dos dous autores. E volvo repetilo. Porque se na obra de Rulfo está a epopea gris, pero máxica, da sociedade rural mexicana (ese deslumbramento!), na de Cunqueiro está a epopea lírica (tamén máxica!) dunha realidade galega profunda, vigorosa e mistérica. E isto sucede, se cadra, porque estamos ante dous trobeiros de sona que teñen unha imprecisa dimensión temporal. De certo, os dous estaban por riba do seu tempo, é dicir, viñan de moi lonxe para chegar moito máis adiante. Isto explica que hoxe Valle-Inclán, Cunqueiro e Rulfo gocen de tan boa saúde literaria, cun público que lles permanece fiel e que os ha seguir durante moitos anos máis. As súas obras son cerna pura duns seres humanos diferenciados, pero non tan distintos. Os tres autores e os pobos que reflicten teñen en común unha identidade forte, diferenciada, capaz de acreditar a autenticidade das súas literaturas.