As linguas minoritarias avanzan en educación e frean na xustiza

E. Á. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

O Consello da Cultura debate sobre a carta europea aprobada en 1992 para defender os idiomas rexionais

30 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello de Europa aprobou en 1992 a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias e en 1998 entrou en vigor ratificada por cinco Estados. Case vinte anos despois este tratado para defender os idiomas minorizados en Europea ten luces e sombras. Sombras, porque a estas altura so inclúe unhas 80 linguas ao estar ratificado só por 25 países. Faltan algúns tan importantes como Francia, Italia ou Bélxica. Pero tamén hai luces, como debullaron os expertos que participan no foro organizado polo Consello da Cultura Galega. «Moitas destas linguas deron avances significativos, o recoñecemento global é positivo, pero particularmente hai moitas melloras que facer», explica Fernando Ramallo, coordinador deste foro e profesor da Universidade de Vigo.

Cada Estado protexe ou potencia as súas linguas minoritarias dunha forma desigual. Cada un selecciona ademais os compromisos que quere aplicar, pero en xeral no ámbito educativo e no cultural os avances son bastante aceptables, e no económico, no da xustiza e no da administración, menores. En España, en concreto, explica Ramallo, a falta de penetración na xustiza é unha das principais eivas: «É o principal problema, porque son competencias estatais e debe modificarse a Lei do poder xudicial para acomodala á carta», conta. Tamén hai importantes diferenzas entre linguas, e en xeral coas non oficiais «temos unha situación moi delicada». 

O papel das familias

Sixto Molina, xefe da secretaría desta carta europea, participou no foro e destacou que sería impreciso afirmar que nestes 20 anos -desde que se ratificou o documento- non houbo melloras. «Sería injusto decir que se ha hecho poco, y pretencioso que los avances han sido suficientes para proteger la lenguas minoritarias y regionales», anotou. Pero Molina insiste en que se ben os Estados teñen unha importante responsabilidade, tamén as propias familias deben dar o valor que merecen a estas linguas.

En poucos meses o Goberno español remitirá ao Consello de Europa o quinto informe sobre o cumprimento desta carta no período 2014-2016. Cos resultados deste análise comezará o proceso de monitorización establecido no propio tratado europeo.