Kiko Pérez e Carlos Maciá, creación plástica de hoxe coa vista posta na obra de Luis Seoane

H. J. P. / F. M. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«S/T» (2017), collage e pintura ao aceite sobre papel realizado polo artista vigués Kiko Pérez.
«S/T» (2017), collage e pintura ao aceite sobre papel realizado polo artista vigués Kiko Pérez.

A Fundación Luis Seoane inaugura hoxe sendas mostras nas que dous valores da arte contemporánea galega dialogan co gran mestre

29 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Son Kiko Pérez (Vigo, 1982) e Carlos Maciá (Lugo, 1977), dous novos valores da arte contemporánea galega aos que a Fundación Luis Seoane convidou a que desenvolvesen proxectos nos que debían reinterpretar o legado de Seoane (pioneiro no esforzo de insertar a arte de Galicia nas vangardas e movementos internacionais do seu tempo). Froito do desafío deste ambicioso diálogo inaugúranse agora -hoxe, a partir das 20 horas, na sede da Coruña- sendas mostras comisariadas por Ángel Calvo Ulloa e nas que cada un dos convidados ofrece a súa particular maneira de conectar coa obra do gran mestre.

Por un lado, baixo o título de German Haircut, Pérez presenta preto de cincuenta pezas nas que amosa o seu interese polas técnicas e os procesos creativos como parte fundamental da experiencia artística, e esenciais dende os puntos de vista ético e vital, preocupación que compartía Seoane, lembran na fundación. Establecido en Madrid e formado nos ambientes artísticos galego e vasco, Pérez mira máis cara o Seoane deseñador editorial e publicitario, terreo no que priorizaba un carácter especialmente sintético e impersoal.

No caso de Maciá, en A necesidade da cor, inspírase en tres escritos teóricos de Seoane sobre o muralismo para poñer esta manifestación artística en relación co seu interese polo pichaçao, unha forma de graffiti propia das rúas de São Paulo. O creador lucense realiza dúas intervencións nos espazos do vestíbulo e nos vidros que rodean o patio da sede da fundación «nas que descompón -sinala a entidade- estas referencias a través da utilización de liñas e masas de cor». O xogo coa arquitectura non ten unha relevancia menor. Maciá introduce tamén pezas da súa serie Markers, que propón sacar a pintura dos límites bidimensionais.

As obras de Pérez e Maciá poderán verse ata o 1 de outubro.