Marina Mayoral: «Os dous temas da miña vida son Emilia Pardo Bazán e Rosalía»

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

BENITO ORDOÑEZ

Aínda que, di, queda moito por facer pola visibilidade da muller, Mayoral advirte contra as políticas de igualación por decreto

28 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) foi nomeada recentemente académica de honra pola Real Academia Galega, algo que ten en gran estima: «É o máximo recoñecemento ao que podo aspirar, porque ao residir fóra, en Madrid, non podo ser académica de número», di.

-Pero, ¿que supón para vostede?

-Un novo lazo de unión con Galicia. Teño en Galicia moitos amigos, pero culturalmente dende que morreu Ramón Piñeiro os meus lazos son La Voz de Galicia, onde escribo cada semana, e a Universidade de Santiago, onde estudei. E este da RAG é un novo lazo. Síntome acollida e agradecida, como parte dunha familia.

-¿Xa ten o discurso de recepción?

-Os dous temas da miña vida son Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro. Eu son referencia, a gran especialista mundial, no coñecemento de Rosalía. Mortos Bouza-Brey e Carvalho Calero, quedamos Alonso Montero e eu, e el sempre di que non hai mellor edición de En las orillas del Sar que a miña. É probable que no meu discurso lle dé unha volta a algúns temas conflitivos que tratei.

-Descarta entón a Pardo Bazán.

-Eu sempre estou defendendo a galeguidade da Bazán contra quen pensa que porque escribiu en castelán xa non é escritora galega. Hai tamén un tema que me parece moi interesante: como é posible que se entenderan Rosalía e Murguía, cando tiñan tan diferentes concepcións sobre o papel da muller. Rosalía non escribía como a sociedade quería que escribiran as mulleres. Apoiaba Murguía á súa muller, ¿e non apoiaba a outras? Hai que ver como escribía el sobre Pardo Bazán, viña a dicir que como se mete esta muller a escribir sobre estas cousas, que son exclusivas dos homes. O asunto fascinante é: ¿como é que encaixaba Murguía a escritura revolucionaria de Rosalía?

-E hoxe, ¿a muller está ben representada na RAG?

-As mulleres ocupamos hoxe postos que non hai moito foron exclusivos dos homes. Pero segue a haber un teito de cristal, que impide pasar duns límites. Na Academia, por poñer un exemplo, non todos os homes son grandes investigadores nin brillantes escritores. É máis fácil acceder á Academia se es home. Queda moito por facer, e non só na Academia, en aspectos moi básicos. Menos chistes e máis atopar solucións. As normas gramaticais da RAE son do século XVIII. As burlas de Pérez-Reverte con «los erizos y las erizas» son irritantes e non serven para resolver o problema. Cando o profesor di aos nenos que poden saír ao patio, as nenas de hoxe non se senten representadas. Xa sei que son pequenas cousas, pero sosteñen unha maneira de pensar. Xa o dicía dona Emilia, que as mulleres non tiñan visibilidade, que ou eran a señora de, a nai de ou a filla de. Hoxe a linguaxe debe adaptarse á sociedade.

-¿Como ve o Día das Letras Galegas para María Victoria Moreno?

-Non podo opinar moito porque non coñezo a súa obra. Pero estou moi de acordo co que di Javier Marías [«Francamente, me resulta imposible suscribir que Gloria Fuertes fuese una grandísima poeta a la que debemos tomar muy en serio»]. Calquera figura de segunda ou terceira liña facemos dela hoxe unha referencia. Non podemos caer niso. Hai que ter sentido crítico. Insisto, non podo dar a miña opinión sobre Moreno, pero lamentaría que se poidese dicir dela o que di Marías de Gloria Fuertes.

-Pero quizais considera...

-Non coñezo a obra desta muller, pero non se trata de inflar a calquera prezo. Fraco favor nos farían ás mulleres se unha muller é escollida para o Día das Letras só por ser muller. Sería un desprestixio. Teño serias dúbidas coas políticas de igualación por decreto. Como somos un grupo marxinado, a tentación de pasar a inxustiza ao outro lado é moi forte.

-Xubilada na universidade, ¿que está facendo agora?

-Fago algunha cousa académica porque mo piden os amigos, pero escribir novelas é a miña prioridade. Xa non me meto a grandes investigacións académicas. Tiña que traballar porque para escribir como escribín, sempre con independencia do que dita o mercado, do que se leva, tes que ter apoio económico, unha tranquilidade. E eu sempre escribín o que quixen.

-Algo terá no caixón.

-Pronto publicarei El amor, la vida y más allá, cun editor galego. Vai ser un libro moi bonito, moi coidado. Como o Libro das abandonadas de Franco Grande. Quería ter unha xoia así e vouna ter.