Voz pioneira e polifacética


Oherdo de María Victoria Moreno resulta exemplar por pioneiro e polifacético. Pioneiro porque, alén de incorporarse con naturalidade ao discurso creativo na nosa lingua ata converterse nunha voz fundamental, dá pasos admirables nun xénero no que detecta unha tanxible escaseza de propostas para o público máis novo e velaí os seus innovadores Mar adiante (1973) ou Leonardo e os fontaneiros (1986), entre outros.

Polifacético pois recreará universos que tocan de preto ás persoas que trata acotío pola súa profesión docente. Así nace un dos clásicos das nosas letras como é Anagnórise (1988) ou, máis tarde, Guedellas de seda e liño (1999): alleos ambos os dous a calquera pretensión moralizante, esixentes en canto á súa morfoloxía e concibidos con destreza narrativa. Dedicou esforzos, asemade, aos traballos didácticos arredor da nosa literatura ou á creación ensaística, como se reflicte en Diario da luz e a sombra (2004): unha proposta chea de vida e de honestidade na que relata a súa experiencia como enferma de cancro de mama. E hai máis pois achegouse á poesía en Elexía de luz (2006) e traduciu, con excelencia, a poetas galegos ao castelán ou a Manuel de Pedrolo á lingua galega.

Esta escolla faime feliz porque, alén de grande escritora, foi docente comprometida para quen os seus alumnos «encheron de luz a súa vida». Isto ás veces pasa e é fermoso.

Votación
6 votos
Comentarios

Voz pioneira e polifacética