María Victoria Moreno Márquez, unha «fada chovida do ceo»

A escritora e docente, que será protagonista do Día das Letras Galegas no ano 2018, tiña a rara habilidade de facer especial o cotián e de achegar os clásicos literarios á realidade máis común

.

Redacción / La Voz

María Victoria Moreno Márquez, docente e escritora, engaiolaba en ambas facetas a través da súa inconfundible voz, nas súas clases no primeiro caso, e sobre o papel no segundo. Tiña a rara habilidade de facer especial o cotián e de achegar os clásicos literarios á realidade máis común. Así o percibiu Xesús Alonso Montero no prólogo a un dos seus libros, Mar adiante: «Se eu non coñecese á autora dende as súas primeiras inquedanzas galegas, diría que María Victoria Moreno é o pseudónimo prosaico dunha fada chovida do ceo que de vez en cando ten o acordo de escribir para regalo de nenos -e de grandes- do noso país».

Á autora e ao agora expresidente da Academia uníaos unha amizade que naceu cando ela chegou para impartir clases de lengua e literatura españolas ao Instituto Masculino de Lugo a mediados da década dos sesenta, labor docente que logo desempeñaría en Pontevedra ata a súa xubilación. María Victoria Moreno, que nacera en 1941 na vila cacereña de Valencia de Alcántara e estudara Románicas en Madrid, xa escribira en castelán unha novela coa que quedara finalista do premio Café Gijón. No seu encontro con Galicia abrazou a súa cultura pero sobre todo a súa lingua, que pasou a ser o vehículo da súa literatura e obxecto do seu compromiso. Ademais do traballo nas aulas, impartía cursos de galego en asociacións, o que lle custaría no franquismo a retirada do pasaporte. O compromiso, ademais, non era só coa lingua, era tamén cos menos favorecidos: «O galego é unha vella lingua de cultura, pero daquela había unha clara diferenciación social, e era a lingua dos pobres. ¡Pero fillo, cos pobres sempre estiven! Daquela fíxome moita ilusión traballar polo galego, e se tivese outra vez vinte anos volvería facelo», lembraba o ano da súa xubilación.

Docencia e lingua uniríanse tamén na bibliografía da autora, quen publicaría en 1985 o manual Literatura século XX para o curso de COU, escrito con quen fora, vinte anos antes, o seu alumno, Xesús Rábade Paredes. Ambos tamén foran premiados nos xogos florais de Guimaraes en 1971 e Moreno sumara distincións nos certames de conto infantil de O Facho. A súa obra para rapaces ampliaríase con títulos como Leonardo e os fontaneiros -polo que sentía un gran apego- e, sobre todo, Anagnórise, a historia dun mozo autoestopista con problemas a quen recolle unha profesora. O seu estilo e a franqueza coa que abordou o tema, carente de toda moralina, conectaron cos lectores mozos, o que se traduciría en sucesivas reedicións e traducións a varias linguas. Incluíuse na Biblioteca 120 de La Voz no 2002.

Ese foi tamén o ano da súa xubilación no instituto Torrente Ballester de Pontevedra, ao que legou a súa biblioteca, formada por 5.000 volumes, «todos lidos e traballados». Confesaba que botaría en falla o ensino, co cumprira ata o derradeiro día, malia levar xa cinco anos enferma de cancro: dicía que só faltara a clase os días de «chute», como chamaba ás sesións de quimioterapia. A súa experiencia como doente recolleuna en Diario da luz e a sombra, unha «terapia» fronte esa «traizón que non se entende nunca», e que se levaría a súa vida o 22 de novembro do 2005.

O Día das Letras 2018 honrará á narradora, tradutora e ensaísta María Victoria Moreno

Montse Carneiro
.

A RAG subliña o labor precursor da autora estremeña na literatura infantil e xuvenil en galego

«Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (...) A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor». Desde a súa condición de muller e galega explicábase María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, 1941-Pontevedra, 2005) , malia ter nacido en Cáceres e non chegar a Galicia ata os 23 anos após casar cun profesor cego destinado á cidade na que axiña ocuparía a súa praza de profesora, catedrática despois, de Lingua e Literatura Española no instituto Valle Inclán.

Seguir leyendo

Obra esencial

Infantil-xuvenil

«Mar adiante»

«Leonardo e os fontaneiros»

«Anagnórise»

«Guedellas de seda e liño»

Ensaio

«Diario da luz e a sombra»

«Literatura século XX»

Votación
4 votos
Comentarios

María Victoria Moreno Márquez, unha «fada chovida do ceo»