«Os nenos len máis que os maiores»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

A décima xornada dos clubs de lectura reuniu en Santiago a case un milleiro de rapaces; cada curso once mil estudantes, pais, nais e docentes forman parte deles

18 jun 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

«É un concepto absolutamente falso». Cristina Novoa, coordinadora dos clubs de lectura das bibliotecas escolares de Galicia, sabe do que fala cando nega que os rapaces de hoxe en día abandonasen a lectura. Porque estes obradoiros acollen este curso a uns once mil lectores entre estudantes, pais, nais e profesores. Seis de cada dez institutos públicos contan con clubs nos que os alumnos atopan un tempo para ler e para compartir, «o tramo de idade que máis le é o da mocidade, e o que demostran os clubs é que len sobre todo cando se senten acompañados», di Novoa.

Onte estes lectores tiveron día de festa. Foi no Gaiás, na décima xornada dos clubs, un encontro que se celebra anualmente entre o profesorado, pero que so en ocasións especiais, como foi o quinto aniversario e o décimo, contaron tamén con rapaces e actuacións. E houbo moitas. Performance de Pista Castro, concerto de Xabier Díaz, entrega do premio dos clubs de lectura 2017 a Miguelanxo Prado e unha morea de obradoiros: da historia e a práctica do graffiti co escritor e xornalista Xesús Fraga e o grafiteiro Garone; de radio; de dobraxe; de cómic manga; de narración cinematográfica; ou para aprender a contar un conto de medo.

SANDRA ALONSO

E é que a lectura, que tradicionalmente se asocia á literatura e ao libro, non ten por qué ser sempre así, «non hai un perfil de lector, e ademais sempre se pon o acento no lector de libro pero hai moitos de revistas, de lecturas técnicas, que len en Internet...», conta Cristina. ¿E que lles gusta ler aos estudantes galegos? A maioría dos clubs son de novela, pero tamén os hai de poesía, teatro e banda deseñada. No informe do curso 2015-2016, o autor máis lido foi Agustín Fernández Paz seguido de Ledicia Costas. O título que máis escolleron foi precisamente desta autora, Escarlatina, a cociñeira defunta.