Santiago Cortegoso: «O problema do teatro galego para saír fóra é certo complexo»

héctor j. porto VALENCIA / ENVIADO ESPECIAL

CULTURA

h.j.p.

O dramaturgo galego vén de competir nos Max nas categorías de autor e director coa obra «Raclette»

07 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non puido ser. O dramaturgo Santiago Cortegoso (Moaña, 1974) non trouxo de Valencia o trofeo máis desexado, o Max, premio no que competía nas categorías de autoría teatral e dirección de escena con Raclette, produción da súa compañía Ibuprofeno Teatro. El está ledo. «Non gañar -di- entraba nas previsións, cumpriuse a porra: Alfredo Sanzol e Carme Portaceli. Non hai sorpresa». Cos dous «maximinos» [acreditan as súas candidaturas] nas mans, non semella un perdedor.

-¿Non é fracaso volver sen nada?

-Non é fracaso ningún. Que un espectáculo galego, cunha compañía pequena, se cole aí, competindo a nivel estatal, con dúas nominacións, xa é un gran éxito. Ten moita transcendencia para nós pelexar con compañías institucionais e produtoras moi importantes. Estamos moi orgullosos. E é unha promoción fantástica para o que nos interesa: darlle á compañía visibilidade fóra de Galicia.

-¿Como se percibe nestes encontros a capacidade para competir do teatro galego?

-Estamos a un nivel de calidade artística excelente. Cada ano se producen cinco ou seis espectáculos que poderían competir, de feito, estano facendo, e mostrarse en festivais sen ningún tipo de complexos. O problema do teatro galego é que temos certo complexo. Temos interiorizado que hai dous centros de produción, Madrid e Barcelona, e que de aí vén o teatro bo, as cousas de calidade. O que pasa é que nos está custando mostrar os espectáculos fóra, pero aquí hai grandes profesionais, actores, técnicos, escenógrafos..., e Raclette é unha mostra diso. Como os espectáculos de Chévere, de Voadora, de Il Maquinario, ou de calquera destas compañías que se están agora orientando cara a fóra.

-¿Que se pode facer?

-Faltan estratexias, a nivel de institucións, de redes, de promoción exterior do teatro. Se se dan eses pasos, se temos máis apoio, e se as compañías nos esforzamos máis, hai espectáculos que se poden levar fóra de Galicia con éxito. O que pasa é que non hai os mecanismos, como facilitar a presenza sistemática nas feiras ou intercambios entre comunidades. É aí onde se pode abrir mercado. Fallan esas políticas. Pero, para saír fóra, o principal, a clave, é ter moi bo produto.

-¿Que ten que ter un bo texto dramático?

-É complicado. A miña fórmula, a de Ibuprofeno, é facer teatro de creación e de reflexión sobre a sociedade e o mundo nos que vivimos. E o ritmo. Raclette ten moita tensión, conflitos entre os actores, mantén en vilo ao espectador. Son textos de rabiosa actualidade. O paro, a maternidade, a parella, a morte, a ausencia, o amor… Temas universais pero tratados nun contexto moi actual. E, claro, unha posta en escena sinxela pero moi coidada, moi medida. Tamén hai que ter sorte; nos riscos que asumes, o erro sempre está aí. En Raclette hai algo de afortunado.