«A poesía é o máis importante, sen poesía ningunha das artes existiría»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

Considera que a lírica si é pintable e demóstrao a través de máis dun centro de cadros con versos de Novoneyra

03 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Lamazares (Maceira, Lalín, 1954) pintou en 1996 Gracias do lugar: Eidos de Rosalía, Eidos de Bama, para o CGAC. Era unha homenaxe á «nosa gran poeta do XIX». Pero tiña «que pintar a Novoneyra, dedicarlle isto como gran poeta do século XX». Esa é a orixe de Flor Novoneyra, un diálogo no Centro Gaiás entre Lamazares e o poeta do Courel a través dun cento de cadros nos que representan versos de Novoneyra co seu alfabeto Delfín. 

-¿De onde nace a necesidade de facer testamento pictórico?

-É unha expresión, unha maneira de dicir que puxen moito corazón neste traballo e que quero e espero que mañá sexa un referente da miña pintura.

-¿Por que Uxío Novoneyra?

-Para min a poesía é o máis importante, sen poesía ningunha das artes existiría. Facía eu quinto de bacharelato no instituto do Calvario e o meu profesor de debuxo, o pintor Xabier Pousa, regaloume o libro de Os Eidos. Para min foi unha cousa luminosa. Eu como rapaz de aldea e el como rapaz de aldea, esa visión do mundo que ten un rapaz de aldea, amplioume un montón de perspectivas que eu tiña e ao longo do tempo foi medrando en min. Eu comecei facendo poesía e dinme de conta de que moitas cousas que eu quería facer xa as dixera Novoneyra. É algo que te acompaña sempre e marca unha directriz. Hai cinco anos comecei a traballar co alfabeto Delfín e estaba preparándome para facerlle esta homenaxe a Novoneyra, porque para min é fundamental como poeta da Galicia interior, como máxima expresión da nosa poesía. 

-Son rapaces de aldea influídos polas vangardas.

-As vangardas son unha maneira de enfrontarse á fonte, ás riquezas coas que naces e que che dá o teu lugar. As vangardas valen para axudar a contar mellor o que queres contar, pero ti tes que contar as túas cousas, non as de outros.

-Novoneyra tamén foi introdutor dos poemas caligráficos. ¿A poesía é plástica e ao revés?

-Hai pintores que están moi preto da poesía e outros que están moi lonxe. Un dos que está preto é Paul Klee, ou Miró, que para min son referentes. Hai pintores que pensan que iso de que a poesía non é pintable. Eu considero que si, e dende que empecei a pintar quixen chegar a este punto no que estou e espero abrir camiño.

-¿Considérase un pintor da idiosincrasia galega?

-Como non me vou considerar se son un rapaz de aldea. Considérome profundamente galego e encantaríame pensar que a xente cando me ve o que ve é un pintor galego. Pero iso é un tema de quen mira. Hai que ter preparación para ver pintura, porque o 50 % ten que poñelo o espectador. Existe a pintura porque hai alguén que a mira. Un cadro pendurado dunha parede, se non hai alguén que lle interese, ese cadro non existe.

-¿Temos preparación para entender poesía e pintura?

-Hai que formarse, hai que ver museos e hai que crer na pintura. Un cadro, ao mellor hoxe non che gusta e mañá si. Un ten que facer un esforzo. A min comezoume a interesar a pintura cando coñecín a Laxeiro, con 16 ou 17 anos. Antes non me interesaba. Aí naceu unha paixón invencible. Agora, tampouco hai necesidade de ir aos museos, aos museos non se vai a perder o tempo, vas se che interesa. A cultura ou é necesidade ou é un luxo. Para moitos é unha necesidade, e a cultura como luxo a min non me interesa.

-¿A creación galega está esquecida?

-A pintura sempre está pouco atendida. Vivimos nun país desgraciadamente pobre. A min paréceme que en Galicia hai bos artistas en todos os eidos da cultura. Non creo que sexamos inferiores a ninguén.