A cantante calva

CULTURA

02 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

total pesimismo do dramaturgo Eugène Ionesco ten de bo que nos fai rir. Non o pretende, mais paradoxalmente consígueo. Nacido en Rumanía en 1909, desenvolveu a súa vida en París, onde se converteu nun dos grandes autores do Teatro do Absurdo, xunto con Samuel Beckett e Artur Adamov. Todos eles eran orixinarios do pensamento existencialista, pero estaban insatisfeitos coas súas respostas tintadas de dogmatismos.

De feito, Ionesco era un home moi anguriado e moi convencido de que este mundo era xustamente «o inferno». E o máis grande temor que tiña era que poidésemos estar aínda «no primeiro círculo dese inferno». ¿Que viría despois? Algo peor aínda, isto é, un inferno maior. Por iso non cría no futuro da humanidade, convencido de que «todos os que son vítimas, agardan un día chegar a ser verdugos». ¿Non hai posibilidade dun cambio positivo? Non mentres os que queren facer o cambio non proclamen que non farán o que os outros fixeron cando están no poder, que non castigarán, nin se vingarán… Pero Ionesco non vía isto por ningures. Ao contrario, oía aos revolucionarios que ameazaban con ser máis crueis se chegaban ao poder. E pensaba: «Os que queren a xustiza queren o castigo. Os homes canalizaron todo o seu poder de amizade cara os cans e os gatos, e non lles queda nada para os seus semellantes».

Acabo de ver no Teatro Español de Madrid a súa obra A cantante calva, estreada en 1950 en París, onde segue en cartel, desde hai 67 anos, no Teatro de la Huchette. Un milagre de obra onde rimos sen parar con todo aquilo co que deberíamos chorar. Porque esta comedia de Ionesco é un fiel retrato do baleiro vital e cultural de toda unha sociedade burguesa literalmente aparvada. O magnífico do relato é que Ionesco fainos rir acotío mostrándonos o familiarizados que estamos nas nosas vidas con esta clase de comportamentos. Témolos tan interiorizados que xa non somos capaces de criticalos ou condenalos. Por iso rimos con eses diálogos baleiros cos que o dramaturgo retrata as vidas cotiás duns habitantes do noso mundo, veciños dos nós e nós menos, perdidos todos nun ritual dramático, case tráxico, que Ionesco soubo converter nunha comedia maxistral.