O proxecto Dragal converte a regueifa e a literatura en ferramentas do galego

EmMa araújo SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Trescentos alumnos participaron no Pico Sacro en xogos de rol baseados na súa lenda

01 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa Dragal, baseado na saga literaria homónima de Elena Gallego e impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, rematou onte unha nova edición, a cuarta, no cumio do Pico Sacro, en Boqueixón, onde as lendas xacobeas sitúan a este animal mitolóxico. Ata este espazo achegáronse máis de trescentos rapaces de seis centros educativos galegos, que disfrutaron dun moi bo día de sol, xogos de rol e unha comida moi típica na que as tamén míticas filloas de Lestedo foron un dos pratos principais.

Nesta convocatoria participaron 83 alumnos do IES Antonio Fraguas (Santiago), 24 estudantes do IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas), trinta rapaces do CPI de Castro Verde, 48 do IES Lauro Olmo (Barco de Valdeorras), 40 do instituto Marco do Camballón (Vila de Cruces) e 88 estudantes do CPI Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis).

Nos xogos de rol, nos que alumnos de cada centro tiñan roupas identificativas, participaron como cabaleiros e doncelas da fraternidade do Dragal para superar unhas probas que non foron combates medievais, senón retos sobre toponimia, habilidades e tamén regueifas, unha ferramenta lingüística propia do galego que ten bo predicamento entre os máis novos pola súas semellanzas co rap.

Despois de escoitar regueifas de todo tipo, e malia que a algún regueifeiro lle entrou certo medo escénico, quedou ben claro o éxito do proxecto, recoñecido no mesmo Pico Sacro polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo delegado territorial da Xunta para a provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, cando se referiron á finalidade da aventura do Dragal: «Promover a lectura, a investigación e a creatividade na lingua propia de Galicia».

García engadiu na súa intervención que «os traballos premiados nesta edición e o desenvolvemento das actividades durante esta xornada de encontro mostran que estamos conseguindo os nosos propósitos». 

Entrega de premios

Malia que os rapaces son os protagonistas do proxecto Dragal, do éxito desta iniciativa -que desenvolven os equipos de dinamización lingüística dos centros- tamén foi partícipe a persoa que exerceu como relator das sesións do proxecto. O actor César Cambeiro compartiu cos 313 rapaces desta cuarta entrega de Dragal as lendas do dragón creado por Elena Gallego, escritora que tamén estivo onte no Pico Sacro para ver como a súa obra literaria serve para crear unha plataforma a prol do galego.

Despois de case un día enteiro de festa, o Pico Sacro mudou nunha especie de meta dunha etapa ciclista para a entrega dos premios. Os gañadores no concurso de viñetas foron Iria Pose, do IES Maximino Romero de Lema; Helena Silva, do CPI Castroverde; e Roi Fandiño, do CPI Aurelio Marcelino Rey García. E no apartado de finais alternativos ás historias do Dragal, as mencións foron para Sara Pato e Rosalía Soto, do IES Antonio Fraguas; e Breogán Rey, do Marco do Camballón.