A Filharmonía pecha a tempada coa visión musical do tempo de Abe Rábade

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xoán A. Soler

A orquestra e o Orfeón Terra A Nosa tamén interpretarán a «Novena» de Beethoven

30 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Filharmonía de Galicia abriu en outubro a súa temporada cunha peza dun compositor galego contemporáneo, Fernando Buide, que sumaba música e poesía -Dous cantares, con versos de Gonzalo Hermo e Edward Thomas-, e esta semana péchaa con outra obra en circunstancias semellantes. O xoves (Auditorio de Galicia, 20.30 horas) estrea a composición do pianista Abe Rábade Tempos velados, escrita en catro movementos que se inspira noutros tantos poemas de dous homes e dúas mulleres de diferentes épocas: Xesús Rábade Paredes -pai do compositor-, a xaponesa Ono No Komachi, do século IX; a norteamericana Sara Teasdale, do XX; e o persa Omar Khayyham, do XII. Como se desprende desta viaxe entre séculos e do título da peza mesma, o tempo é clave na obra.

«O tempo é fundamental», confirma Rábade, quen investiu dous anos no proceso de composición. «Hai nela moitos elementos macerados co tempo, decisións que se foron tomando», engade, agora que se achega a conclusión, cos ensaios e a estrea, desta creación que se foi facendo «a lume moi lento». Tempos velados tamén reivindica un xeito de afrontar a música no que o autor vai actuando como catalizador de moitas aras, nun formato «poliédrico» que suma o «o racional co emotivo, co intuitivo». É o resultado dun proceso de liberdade e escolla que se concreta sobre a partitura, aínda que, sendo como é Rábade pianista de jazz, tamén abre espazos á improvisación: «Están localizados en determinados momentos que a orquestra xa coñece».

Tempos velados está concibida para piano concertante, orquestra e dous coros, o Orfeón Terra A Nosa e o coro infantil da Escola Municipal de Música de Santiago. Rábade, habituado a un formato de trío, equipara a escrita orquestral e coral tanto «a unha aventura gráfica, de ordenador, cun escenario onde se dan as posibilidades combinatorias» como a «unha partida de xadrez, que precisa dunha estratexia». 

O maxisterio de García Abril

Nese proceso, para Rábade o fundamental é o enfoque. «A técnica ten que estar ao servizo do ángulo dende o que queres proxectar a luz. Tamén é moi importante a prosodia dos textos, que ditaron moito da obra». Foi un reto no que contou co maxisterio e supervisión do compositor Antón García Abril, un mentor tan excelente como esixente. «É moi rigoroso, pero disposto a ter boa man con quen queira aprender del. Lémbrame a frase de Mahler na que di que a tradición e a transmisión de coñecementos é a transmisión do lume, non a adoración das cinzas».

Rábade busca en diferentes ámbitos as faíscas que poden prender ese lume. Na poesía e tamén na música. Existe o que el denomina un «almacén emocional das cousas», onde os creadores buscan, nun diálogo e integración das artes que existe dende os inicios mesmos da creación. Novamente, a viaxe. Rábade escoitou e analizou a obra dun dos seus autores favoritos, Arvo Pärt, mentres escribía Tempos velados, alguén que integra en disonancias contemporáneas os melismas do gregoriano. E do pasado, ao futuro: «Unha das obras de Beethoven que máis me fascina é o terceiro movemento do seu Cuarteto de corda número 15, no que, xa xordo, está compoñendo para os oíntes do futuro». Non é estraño, logo, que a Rábade lle entusiasme que a segunda parte do concerto sexa a Novena sinfonía do «xenio» alemán. «É unha honra tremenda», subliña.

Santi M. Amil

Seguindo o vieiro de «Tránsitos»

A de «Tempos velados» non será a primeira colaboración entre Abe Rábade e a Real Filharmonía. No 2015 a orquestra e o trío habitual do pianista estrearon «Tránsitos», que recollía tres temas anteriores de Rábade mais un composto para a ocasión. Ao día seguinte interpretouse no Festival de Jazz de Ourense, gravación que se editou nun libro-deuvedé. En ambas ocasións foi determinante, destaca o pianista, o papel do director da Filharmonía, Paul Daniel, quen promoveu as encargas. «É algo que hai que agradecerlle, e supoño que é o que mantén vivo un proxecto».