Håkan Casares Berg: «Meu pai contábanos de nenos historias extraordinarias»

CULTURA

Pinto & Chinto

O investigador da lingua e fillo de Carlos Casares síntese agradecido das homenaxes a seu pai, sobre todo das da xente anónima

26 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A entrevista con Håkan Casares Berg (Halmstad, 1974) é distinta ás que se fixeron aquí ata o momento porque é a entrevista a unha persoa para que fale doutra. E resulta que Håkan ten discurso longo e moi ameno. Fala moito, fala ben (ten a quen semellarse) e consegue que esta páxina quede totalmente insuficiente para acoller as lembranzas do seu pai, un tema no que Håkan é, claro, un erudito.

-Como viviu estes días?

-Foron unha loucura. Xa mo comentara algún familiar doutros homenaxeados, que había que prepararse para isto. Eu son unha persoa corrente. Na miña axenda hai unha ou dúas reunións de traballo, ir cambiar o aceite ao coche, ir ao médico... Estes días tiña ata catro ou cinco compromisos ao día. Pero foi algo moi bonito. Gustaríame que todo o mundo puidera ter a sorte de vivir isto. Todos vemos ao noso pai dunha maneira subxectiva. Como unha figura extraordinaria. Pero que iso se comparta, que todo o mundo che diga, non só que era un bo escritor, senón que era unha boa persoa e que lle fixo ben a moita xente... é algo moi bonito. Meu irmán Christian dicía o outro día que ao meu pai lle preocupaba a cuestión da transcendencia. Pois probablemente a transcendencia tiña que ver con este tipo de cousas.

-A vostedes contáballes contos seu pai?

-Si. E teño unha lembranza moi viva do meu pai contándonos contos para durmir cando eramos pequeniños. El viña cando estabamos deitados e contaba historias extraordinarias que trataban duns personaxes que se chamaban Pito-Pito e Pato-Pato e que se parecían moito a nós os dous. Era un momento moi feliz.

-O gran contador de historias, eh?

-Si. Ao longo da súa vida, sempre nos contou historias. Chegouse a dicir que era un dos mellores narradores orais vivos. E non só en galego. Dicíao Víctor García de la Concha ou Juan Cruz. E teño que dicir que nos 27 anos que compartín con el, xamais repetiu unha historia.

-Que foi o máis emotivo que viviu estes días?

-Estou moi agradecido das homenaxes das institucións, empresas... pero a min hai dúas cousas que me resultan especialmente emocionantes: a homenaxe sincera da xente anónima que se che acerca e che di: «Coñecín a teu pai un día nunha conferencia e pareceume unha persoa marabillosa»; ou «díxome algo que me cambiou a forma de ver a vida». E tamén as homenaxes dos nenos, porque son moi espontáneas e moi sinceras.

-Dos libros do seu pai, cal é o seu favorito?

-O sol do verán. Eu marchei da casa con 24 ou 25 anos. Fun a Vigo e xa non tiña contacto diario co meu pai. Días antes de morrer fíxome unha visita para traerme un manuscrito para que o lera e lle dera a miña opinión. Era a primeira vez que me pedía opinión como adulto dunha obra súa, e encheume de orgullo. A pena foi que non lle puiden dicir nada.

-Atreveríase a definilo en catro adxectivos?

-Uff, non é fácil. Eu diría que era un home íntegro, traballador, un home bo... e comprometido coa xente, con Galicia e co seu tempo.

-Deixáballes xogar a vostedes coas maquetas dos trens?

-Si, si. Eu axudáballe. Nunca nos prohibiu tocalas. Tivemos uns pais pouco severos. Preocupados porque tivéramos unha infancia feliz. A casa viña xente como Aranguren, García Sabell, Ramón Piñeiro... e nós integrabámonos rapidamente. Non nos mandaba a outro sitio porque foramos pequenos.

-Gústalle o fútbol?

-Menos que a meu pai. Dende que morreu, eu perdín un pouco o interese.

-De que equipo era el?

-Do Barcelona. E dos equipos galegos, claro.

-Vostede naceu en Suecia. Vai por alí?

-Procuro ir todos os anos. Teño máis primos alí que aquí. Os suecos teñen máis fillos que os galegos. Cando paso moito tempo sen ir, sinto a morriña.

-Como se di morriña en sueco.

-(Consulta o móbil) Längtan.

-Lembra algún consello que lle dera seu pai?

-Si. Que traballara, que fora honrado e que fora o mellor en algo.

-Moi difícil.

-Si. Non é fácil. Pero el, dende logo, fíxoo.

-Unha canción para a lista.

-Vou dicir dúas: O coro dos peregrinos de Tännhauser e Master of Puppets de Metallica.

-Cal pensa que elixiría el?

-Probablemente algún tema de jazz clásico dos anos 30 ou 40.

-Que é o máis importante na vida?

-Eu creo que a familia.