A Galicia culta dáse cita en Vigo para louvar os 40 anos de Premios da Crítica

«A cultura galega é coma o viño, antes o Elixio servíao nun pipote na súa taberna e hoxe é o mellor do mundo», apunta Ledo

.

vigo / la voz

Veñen a ser como unha mestura dos premios Nobel e Óscar. Pintores, músicos, investigadores, políticos, profesores, editores, escritores, actores ou académicos da lingua, a «Galicia culta», como a definiu o músico Carlos Núñez, déronse cita onte no auditorio da sede de AFundación en Vigo. Medio milleiro de persoas asistiron á celebración do 40.º aniversario dos Premios da Crítica Galicia. No evento proxectouse un documental da TVG sobre a historia dos premios e no que os protagonistas insistiron en que deron «voz aos sen voz», fixeron que o galego seguise «vivo» na cultura, que foi un «berro pacífico» e que chegaron da man dun «galeguismo integrador e positivo, con convicións pero facendo a pedagoxía con luvas de seda».

Os Premios da Crítica Galicia naceron en 1978 en Vigo nunha cea do Círculo Ourensán Vigués na que a elite cultural, que pagara 800 pesetas polo prato, deu coa dura realidade nos fociños: a gala foi parada polos obreiros de Ascón, amolados e en loita pola reconversión naval, para pedir solidariedade. A anécdota quedou gravada a lume nos fundadores destes premios que cada ano escollen, mediante oito xurados, os mellores traballos en galego en arte, música, letras, cociña, cine, teatro ou ciencia.

No acto había moitas caras coñecidas pero alí botaron en falta a dous míticos: Carlos Casares e Isaac Díaz Pardo, creador da estatuíña de Martín Códax que xa se entregou a 250 premiados. Entre eles estaban o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o gaiteiro Carlos Núñez, quen tocou en primicia unha cantiga medieval fusionada coa muiñeira. Este concerto con frauta rescatou o son da viola medieval galega (a fídula), de xeito que volveu á vida un vello instrumento morto nos museos. O músico engadiu que a fídula é doada de imprimir en 3D nos colexios.

Un dos grandes cambios foi a igualdade da muller, como lembraron a presentadora e directora de arte, Paula Cabaleiro, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva. Agora hai paridade de homes e mulleres nos xurados dos Premios da Crítica, algo impensable nos albores da democracia. Xa é tan normal como que os científicos galegos publiquen en revistas internacionais de máximo nivel. Pero o gran símbolo do cambio de Galicia é o viño. Seica iso pensa o presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, Bieito Ledo, editor que leva 40 anos «nesta historia». Ledo louvou o éxito do documental da TVG porque fai «unha radiografía de como evolucionou o corpus social de Galicia, un ser vivo colectivo que medrou moito».

Ledo resume a evolución da cultura galega así: «Hai 40 anos un gaiteiro asociábase co aldeán ou o popular e hoxe teñen fama internacional. O mesmo pasa co viño, antes a taberna do Elixio servía un pipote cunha xarriña; o Albariño non existía e hoxe están considerados os mellores do mundo. Isto conséguese con traballo e imaxinación. Galicia é un proxecto inacabado, aínda se pode soñar e medrar no campo do saber». O gran reto da cultura galega, di Ledo, é que os pais falen galego aos seus neniños. Velaí o logo do evento: «Eu falo galego», feito polo pintor Antón Pulido.

Votación
9 votos
Comentarios

A Galicia culta dáse cita en Vigo para louvar os 40 anos de Premios da Crítica