Alfonso Pato: «A cultura para vivir non dá»

O guionista e director do festival de Cans asegura que erguer en Galicia un evento cultural «é un sinvivir»


Chega cun chisco de retraso -«cando me soltou o fisio»- á cafetería da compostelá Praza de Galicia na que me citou -«é a miña segunda oficina». Alfonso Pato (Cans, Porriño, 1968) anda a cen. Un traslado a París, un neno de meses, unha voda á vista, o festival de Cans... Así que non lle imos censurar o retraso.

-Como se presenta o festival deste ano?

-Un pouco fastidiado. Quedamos fóra das axudas, despois solucionouse daquela maneira, pero fixo que a tres meses do festival tivésemos que perder tempo en cousas nas que non o tiñamos que perder. Erguer aquí un evento cultural é un sinvivir. A verdade é que a cultura para vivir non dá. Eu síntome ás veces como un funambulista camiñando por un cable, cunha vara nas mans e o abismo alí abaixo. Este ano dixéronme que había moitos festivais de cine en Galicia. E eu respondín que o que había eran moitas festas gastronómicas. En Cans dependeremos do tempo, aínda que o ano pasado descubrimos que eramos resistentes á auga. Tamén chove en Glastonbury e a xente disfruta igual.

-E a alfombra vermella?

-É unha alfombra reciclada do Salón do Automóbil de Vigo. Antes as tirabamos pero descubrimos nunhas vodas de prata que poden ter ata unha terceira vida cunha boa limpeza. A verdade é que o festival esperta unha especie de afecto, de solidariedade por parte da xente. Este ano teremos a Montxo Armendáriz, Daniel Guzmán, Miguel de Lira, e algúns outros.

-Que tal por París, esa cidade fascinante?

-De entrada é moi hostil. Hai unha frase de Jodorowski que di que para que un parisino te invite a un café han de pasar trinta anos, e para que te invite a un café na súa casa, cincuenta. París está un pouco mitificada. Eu, dende logo, vivo tan feliz como en Cans.

-Tamén foi pai hai poucos meses. Que tal se lle dá?

-Ben, ben, aínda que cambian moitas cousas. A min o que me pasa é que se me multiplicou a curiosidade por todas as cousas. É como se quixese ter máis coñecementos para podelos transmitir ao meu fillo. Meu pai dicía: «É mellor ter unha leira menos e unha carreira máis».

-E tamén vai casar pronto. Onde será a lúa de mel?

-En Cans, ha, ha.

-Vostede é guionista...

-Son licenciado en filoloxía hispánica, aínda que nunca exercín por amor á lingua.

-Que guión lle gustaría ter escrito?

-Uff. Esa é moi difícil. As pelis boas de guión son precisamente esas nas que penso: «Eso non o faría eu na vida». Non sei. Algunha de Kaurismaki.

-Deixemos o cine. Celta ou Dépor?

-Esa pregunta case é unha humillación. Co que acabamos de sufrir [a entrevista fíxose antes do Celta-Real Madrid]. Creo que me fixen máis celtista dende que vivo fóra.

-E de cociñar, que?

-Moi ben. Sobre o todo o peixe ao forno.

-En Francia a gastronomía é unha relixión.

-Si, pero comprar o peixe é prohibitivo. A relixión é o viño, os queixos e o cómic. Como aínda non leo francés en profundidade, o cómic acércame ao idioma.

-Conte algunha paixón secreta.

-As secretas non se poden contar. Pero gústame meterme polo monte sen desbrozar, polo medio das silvas ata que non podo avanzar. Iso libérame un pouco. Sobre todo no outono, despois de chover.

-Ten algo postizo?

-Moitas cousas. Xa son demasiado maior e tiven bastantes operacións. Non pito nos aeroportos como aquel campión do mundo de motociclismo que era Barry Sheen, pero case.

-E unha tolería que fixera?

-Hummm... Non sei. Pero hai uns anos fun á India e acabei de figurante nunha película de Bollywood. Aquilo era a hostia. Facíamos de guiris e os actores saltábannos por riba. Había máis de tres mil persoas mirando para a rodaxe porque os actores eran estrelas alí. A xente vai dicir: «Vaia bólas que conta este tío». Pero é verdade.

-Qué é o que fai ben?

-Vaia. Non sei se fago algo ben. A ver... O trato coa xente, na distancia curta, non se me dá mal.

-E o que peor se lle dá?

-Pois podería dicir que non fago nada mal, ha, ha. Non sei o que fago peor, pero si que teño un defecto moi grande: son un desorde total. Aínda que dentro do caos deféndome.

-A ver que canción vai elixir para a lista.

-Pois unha da Velvet Underground... I’ll Be Your Mirror.

-E o máis importante na vida é....

-Ser honesto. Iso é o que che permite estar ben contigo mesmo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Alfonso Pato: «A cultura para vivir non dá»