Viana repudiará en pleno a expulsión de Carlos Casares da vila e da docencia en 1970

O instituto no que empezou a súa carreira profesional xa lle fixo un desagravio en 2004 ao poñerse o seu nome ao centro


O BARCO / LA VOZ

No ano 1970, Carlos Casares foi expulsado do instituto de bacharelato de Viana do Bolo e apartado da docencia en Galicia. Tivo que emigrar ao País Vasco para seguir exercendo unha profesión na que empezara ese mesmo curso. O entón alcalde deste concello ourensán, Neftalí Prieto, abriulle un expediente ao escritor [o instituto daquela era de titularidade municipal] acusándoo de influenciar politicamente ao alumnado, aludindo a unha obra de teatro que fixeron no centro e que dirixía Casares. «Sempre o tiveron de ollo», di o actual alcalde, Secundino Fernández, porque o protagonista do Día das Letras pedía que os rapaces de familias con poucos recursos non tiveran que pagar unha taxa por estudar no centro, nin por usar o comedor. E falaba galego. E outras cousas que non gustaban no franquismo.

Así que co gallo de santo Tomás de Aquino e a obra de teatro que fixeron os rapaces, Prieto abriulle un expediente a Casares. «O alcalde foi o máximo impulsor daquilo, que acabou coa expulsión de Casares da docencia en Galicia, e tivo que marchar para Euskadi... Dixeron que era unha obra de teatro subversiva, porque falaba de caciques e de señores feudais, e abríronlle o expediente. Incluso o acusaron de ser o autor da obra, que era doutro profesor do centro, Manuel Ramos Castromil», rememora Fernández. O actual goberno municipal quere mudar a situación e preparou para mañá un acto de desagravio. Nun pleno extraordinario, que comezará á unha da tarde, aprobarase «repudiar publicamente as accións que levaron á expulsión de Carlos Casares de Viana e da docencia», avanza o rexedor.

Carlos Casares: o escritor que ensinaba a soñar en galego"> ;
Carlos Casares: o escritor que ensinaba a soñar en galego O autor da biografía «O neno que quería xogar co mundo» lembra con nostalxia os anos que disfrutou xunto o escritor. Mentres el falaba, «ninguén marchaba para a cama». A sogra de Antón Riveiro Coello salvou a Carlos de afogar nun río de Lamas

O encontro de mañá terá lugar a apenas un par de quilómetros daquel instituto de Viana do Bolo, hoxe reconvertido en IES Carlos Casares. No curso 2003-2004, o agora director, Carlos Ferreiro (entón xefe de estudos), involucrou a dúas profesoras de Lingua Galega para impulsar un acto de desagravio, que coincidía co 35.º aniversario da estadía do escritor no centro. Decidiuse darlle o seu nome ao instituto e tras a aprobación polo claustro o 16 de abril do 2004, o 1 de xuño foi oficialmente autorizado, despois de lograr adhesións da Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Casares. A cerimonia formal deixouse para o 23 de novembro. Foi daquela cando a viúva de Casares (Cristina Berg) e o seu irmá Xavier acudiron ata Viana para participar do desagravio. Ela agradeceu o cariño, segundo recordan na web do propio instituto cando explican o por que do nome; mentres que Xavier «recoñeceu estar emocionado ao lembrar aqueles anos en que Carlos chegou a Viana para dar as súas primeiras clases de Lingua e Literatura e coa intención de ensinar con tolerancia, liberdade e amor pola terra».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
46 votos
Comentarios

Viana repudiará en pleno a expulsión de Carlos Casares da vila e da docencia en 1970