As mellores mensaxes de amor en galego levan premio

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Este ano participaron preto de 600 mozos e mozas de entre 14 e 35 anos no certame «Lingua de Namorar»

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribía Uxío Novoneyra que a forza do noso amor non pode ser inútil. Carlos Casares pedía que amemos aínda que a esperanza turre cara a abaixo. Namorou en galego Diego Arranz, que recoñece que «o meu asesor fiscal é optimista, pero ben sei que sigo en crise. Aínda te quero por riba das miñas posibilidades». En galego amou tamén Sara Caride, que cre que «da nosa efémera existencia, quedará, quizais, o doce sangue que aloumiñe os latidos doutros corpos». O «falo galego porque me sae da lingua» de Anabel López foi un berro de esperanza para o idioma no que Ana Barros di que gustaría de «bailar contigo un baile tan longo que o chan se cansase dos nosos pés». Son só algunhas das mensaxes escollidas como as mellores da quinta edición do certame Lingua de Namorar, no que este ano participaron preto de 600 mozos e mozas de entre 14 e 35 anos.

Nun acto na Cidade da Cultura, as consellerías de Educación e Política Social entregaron onte os galardóns aos sete gañadores (seis premios máis a mención especial a ese «falo galego porque me sae da lingua»). Na categoría de 14 a 19 anos gañaron Sara Caride, de Cambados; Inés Amado, de Cuntis, e Ana Barros, de Marín. Na categoría de 20 a 35 anos os vencedores foron Diego Arranz, de Ourense; Estefanía González, de Santa Comba, e Rubén Barreira, de Verín. O acto foi conducido por María Canosa, que animou a todos os presentes a namorar e tivo unha lembranza especial para Casares, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, e contou coa actuación de Eloy Vidal, que musicou cada unha das pezas gañadoras.

Unhas pezas que dan azos ao primeiro plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade no que colaboran a Consellería de Cultura e a de Política Social e que ten como obxectivo potenciar o galego como idioma de relación entre os máis novos. Explicouno o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que di que teñen a responsabilidade de que a mocidade «use e se exprese cada vez máis en galego», porque a Xunta é «consciente de que debemos potenciar o galego naqueles ámbitos onde detectamos tamén que hai usos menores». En definitiva, se a mocidade coñece, e moi ben a lingua galega, «pero ten que usarse con total liberdade».

«Dá gusto ver como a nosa mocidade participa en programas como este», afirmou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, que lembrou que pasaron moitos séculos «dende aquelas cantigas de namorar en lingua galega», que amosan que hai cousas que permanecen: «a necesidade de expresar» e de expresar en galego.