Antón Lamazares inaugura en xuño «Flor Novoneyra»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Miguel Vidal

O creador cualifica este proxecto como o seu «testamento pictórico»; a mostra está baseada na poesía de Uxío Novoneyra e está composta por un cento de obras

13 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O artista Antón Lamazares (Lalín, 1954) perfila estes días os últimos preparativos da súa nova mostra, Flor Novoneyra, que abrirá o vindeiro 2 de xuño no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Segundo comunicou onte a Xunta, o creador cualifica este proxecto como o seu «testamento pictórico». A mostra está baseada na poesía de Uxío Novoneyra e está composta por un cento de obras nas que transcribe os versos do poeta do Courel, empregando o seu coñecido Alfabeto Delfín, un código inspirado no abecedario occidental, e que o pintor bautizou co nome do seu pai.

Canda os cadros en Flor Novoneyra poderán verse cincuenta caligramas do escritor, xa que estaba considerado un dos introdutores desta forma -a cabalo entre a arte visual e a literatura- nas letras galegas. Completan este apartado visual varios retratos de Novoneyra saídos da man de pintores como Laxeiro ou Tino Grandío. Por último, resérvase un espazo onde se poderá escoitar a voz do propio escritor recitando os seus versos, faceta na que era un cumprido orador.

Diálogo entre artes

A exposición ten como comisaria a María Díaz Rey, directora da galería About Art de Pontevedra. Na súa opinión, Flor Novoneyra supón un diálogo entre pintura e poesía, «unha loita contra a extinción da cultura labrega en comuñón íntima e poética coa Terra». A mostra permanecerá aberta ata o día 17 de setembro.