«Unha das razóns pola que escribo é para amolar e berrar que estou vivo»

O escritor recibiu o Premio da Crítica pola narración «Non hai outro camiño» ao tempo que publica un poemario


redacción / la voz

Ao tempo que aparecía o poemario A cadencia da fractura (Xerais), co que acadou o Lueiro Rei, Isaac Xubín (A Coruña, 1978) foi galardoado co Premio da Crítica Española en galego na modalidade de narrativa por Non hai outro camiño (Xerais), una historia arredor dunha cidade, Staro Stelo.

-¿Que é Staro Selo?

-Staro Selo é a capital dun lugar que estivo a piques de salvarse pero que debido a un feito histórico concreto, que aconteceu de forma súpeta, foi engulida pola besta. O texto presenta a un grupo de habitantes da cidade que tentan sobrevivir e que deben tomar camiños nunhas encrucilladas que ás veces non parecen definitivas. Ao elaborar a capa do libro tentei presentar a situación xeral ante a que se atopan estas persoas, a vixilancia constante dunha administración que pretende unha orde imposible no sarillo de formigón que é Staro Selo.

-Relacionouse o libro coa Nova Narrativa Galega. ¿Como cre que o canon inflúe na actualidade?

-Non estou capacitado para responder a esta pregunta coa rigorosidade que merece. Non son un crítico cunha ampla imaxe panorámica do que se publica en Galicia e, ademais, vivo fóra, con todo o que iso implica. Podo falar por min e unha das vantaxes de ter vivido no estranxeiro (agora, en Inglaterra), é o acceso de primeira man a lecturas, recitais e creadores con bagaxes e tradicións diferentes.

-Malia o ar case opresivo, hai marxe para a esperanza, igual que no seu novo libro de poesía, «A cadencia da fractura». ¿A escrita e a lectura son vehículos para alumar e propagar esa esperanza?

-Existe unha tensión entre o que poderiamos definir como propio, o que eu escollo que me caracterice, ser galego, e a realidade de ser unha persoa que en case 40 anos viviu en máis de 10 cidades diferentes e se atopa na situación de empregar tres linguas ao longo do día. A lectura e a escrita son fundamentais para min porque son o xeito máis profundo que teño de acomodarme nesa tensión que se orixina en min. Máis aló de ver o meu nome escrito no bronce da tribo quero que a miña tribo sobreviva e, xa que logo, unha das razóns pola que escribo é para amolar e berrar que aínda estou con vida, que estamos vivos.

-No primeiro poema fala da tradución. ¿Como cre que se inflúen entre si as facetas de narrador, tradutor e poeta?

-Efectivamente, hai unha forte influencia. Eu non vexo muros entre as diferentes facetas en que me movo ao longo da escrita, para min son teselas dun mesmo mosaico que falan entre si. A principal razón pola que comecei a escribir foi porque eu quería falar galego, pasarme ao galego. Non me sentía seguro e comecei a escribir como unha forma de adestramento antes de dar o paso á oralidade. Por outra banda, a lingua dende a que máis textos traducín é unha lingua que amola moitísimo, o éuscaro. Eu achegueime á lingua dos vascos con interese filolóxico e o que atopei foi un tesouro para a creación, a peza perfecta que necesitaba para completar o mosaico.

-¿En que medida ese tesouro chega á súa creación?

-Eu viña de estudar unha filoloxía románica e comecei a traballar cunha lingua da que nin sequera se sabe a súa orixe e que morfoloxicamente está lonxe do galego. Se temos en conta que é a lingua quen articula o pensamento, o estudo do éuscaro revolucionou o meu concepto de lingua, de estética, de filoloxía e mesmo de identidade. Foi alí onde comecei a estar completamente seguro de que iso ao que chamamos verdades son interpretacións. A diferenza, que pode parecer obvia, é sutil porque marca a diferenza, tamén, entre a acción e a pasividade. Unha verdade está aí, semella inmanente, é un dogma, pero se es consciente de que as túas ideas están baseadas nunha interpretación non che queda máis saída, por sorte, que loitar pola preponderancia desa interpretación e as súas consecuencias. Vén sendo, tamén, a diferenza entre o círculo e a espiral. Eu estou coa espiral.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
Comentarios

«Unha das razóns pola que escribo é para amolar e berrar que estou vivo»