Eduardo Alonso: «Toda a calidade do teatro galego débese só ao esforzo dos profesionais»

O fundador de Teatro do Noroeste, compañía que cumpre 30 anos, di que falta apoio institucional


santiago / la voz

Primeiro director do Centro Dramático Galego (CDG), e fundador, entre outras, da compañía Teatro do Noroeste, que este ano celebra o seu 30.º aniversario. Eduardo Alonso sumou un novo recoñecemento, o Marisa Soto, nos recentes premios María Casares. Este director e dramaturgo explica que lle gustaría poder dedicarse a estas dúas facetas exclusivamente, algo imposible «pola cantidade de burocracia absurda». Xa está pensando no seu próximo espectáculo, Animais de compañía, destinado ás familias.

-«Que nos quiten o bailado», dixo ao recoller o premio Marisa Soto pola súa traxectoria.

-Díxeno porque foi moi axitado, moi divertido, pero tamén moi duro, houbo momentos moi complicados nestes anos. Pero, a conclusión, é que o pasamos ben.

-Afirmou que o segredo para manterse 30 anos con Teatro do Noroeste estivo en ser moi «tercos» e adaptarse ás circunstancias. De que houbo máis dose?

-Máis de terco. A teimosía é unha característica fundamental.

-Pensou en deixalo?

-Hai momentos que o miras todo desesperado, pero cando pasan velo doutra maneira. Aínda que foron moi frutíferos e interesantes, os anos 84 e 85, sobre todo o 84, o da creación do CDG, foi moi complicado con cantidade de xuntanzas. Visitei a todas as compañías unha a unha para convencelas de que apoiasen o proxecto. Tamén tiven cantidade de xuntanzas dentro da propia Administración, non era fácil explicarlle a un interventor xeral da Xunta que o teatro é unha arte, e polo tanto nas cuestións artísticas non existen elementos democráticos, senón artísticos.

-Os políticos seguen sen entendelo 34 anos despois? As críticas á selección do elenco do CDG...

-Houbo momentos de evolución, depende de quen estea mandando. Agora estase dando unha cuestión un pouco rara, porque que a estas alturas un político non entenda estes procesos é un pouco rechamante. Tamén pode ser que o que o está explicando non o estea explicando ben. Non o sei.

-Teatro do Noroeste: 36 producións e máis de 1.200 funcións. Cumpriuse o soño?

-A intención era durar, facer espectáculos e formar parte do proceso de construción do teatro en Galicia. Teatro do Noroeste tamén se creou para darlle resposta á sociedade, facendo o teatro que pensabamos que debiamos facer, que nos apetecía facer e que podíamos facer. Combinando esas tres cousas chegamos ata aquí.

-Neses anos tamén naceron Chévere, Matarile Teatro. Cal é a diferenza con aqueles anos?

-Naquel momento había moita ilusión e moitas ganas de facer cousas. Agora, se cadra, a xente está máis preparada e igual pensa máis as cousas antes de facelas. Non considero que entón fose un mellor momento. Agora estamos pasando unha conxuntura moi mala en relación co apoio institucional, pero creativamente, non. Penso que estamos nun momento espléndido e que se están facendo espectáculos moi bos a costa dos que o fan, non a costa da sociedade que os acolle a través das súas institucións. Entón, tamén eran momentos de moita ilusión, agora, se cadra non hai tanta porque as perspectivas son bastante peores.

-Fala do bo momento artístico. Ten varios premios Max, Chévere foi Premio Nacional de Teatro, recoñécese máis o teatro galego fóra que na propia casa?

-Ata agora non era moi coñecido fóra, pero estáselle empezando a dar valor ao teatro galego. Está sorprendendo moito fóra e comezan a darse conta do bo teatro de Galicia e, insisto, co grandísimo esforzo da xente que fai teatro. Toda a calidade do teatro débese, exclusivamente, ao esforzo dos profesionais. É un momento no que están traballando menos apoiados e máis sós, incluso con dificultades inventadas.

-Preside a Asociación de Directores de Escena. En que situación se atopa o teatro galego?

-Desde o punto de vista creativo e organizativo está a un nivel similar ao teatro vasco e, incluso, ao catalán, que sempre estivo máis avanzado. E moi parecido ao andaluz. O teatro galego é perfectamente homologable co de calquera outra comunidade.

-No premio recoñecéronlle a súa achega á profesionalización do teatro, queda moito por andar? Deterioráronse moito as condicións coa crise?

-Si, influíu moito, como noutras profesións. Agora todo é en precario. Hai que volver a recuperar o orgullo de profesión.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Tags
Comentarios

Eduardo Alonso: «Toda a calidade do teatro galego débese só ao esforzo dos profesionais»