Un volume reúne o ciclo completo das «Cántigas do alén» de Valente

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

A nova edición incorpora o seu derradeiro poema en galego, «Na mar de Vigo»

20 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A extensa obra poética en castelán de José Ángel Valente (Ourense, 1929-Xenebra, 2000) ocupa un lugar preferente no canon das letras hispánicas do século pasado. Pero o galego xa estivo presente dende moi cedo na súa traxectoria, cando aos 17 publicou un poema nesta lingua. Titulábase Finisterre e apareceu no diario vespertino La Noche cando o escritor residía en Compostela como estudante.

A partir de entón, o galego volveuse para Valente unha corrente soterrada, mais non esquecida, xa que volvería agromar moitos anos despois, cando en 1981 Ediciós do Castro publicou as súas Sete cántigas do alén. Aquel libriño coñecería tres versións máis, con sucesivas ampliacións a medida que o autor compoñía novos versos en galego. O seu derradeiro poema nesta lingua non puido sumarse aos demais polo falecemento de Valente, pero agora si vén de incorporarse ás Cántigas nunha nova edición que completa este ciclo lírico en galego.

A nova edición de Cántigas de alén (Ouvirmos) engade catorce poemas aos sete da primeira edición, entre eles o derradeiro, Na mar de Vigo. Claudio Rodríguez Fer, director da cátedra Valente da Universidade de Santiago e responsable da edición, lembra como o poeta redactou o poema na súa presenza tras un recital en Vigo. «Tróuxolle a memoria da primeira vez que vira o mar. Levárao o pai sendo neno a Vigo para que o vira, e cruzaron a ría a Cangas», evoca. «Valente non só viu o mar por primeira vez, senón que estivo nel, porque botou a viaxe mirándoo fixamente, marabillado co ronsel que deixaba o barco na auga». Na mar de Vigo aparecera xa en revistas, pero esta é a primeira vez que se inclúe nun libro e canda as demais cántigas. 

Reencontro coa lingua

Igual que eses versos naceron dun reencontro, foi outra reaparición a que fixo agromar o manancial do galego en Valente. Con vinte anos marchou a Madrid, para logo botar tres anos en Oxford. Cando se mudou a Xenebra o contacto cos emigrantes galegos devolveulle o contacto coa lingua e, xa que logo, o seu uso. Valente cofundou unha sociedade emigrante, A Nosa Galiza, nunha cidade na que vivían «15.000 galegos», como lembra Rodríguez Fer. «Dáballes clases de francés e tamén de literatura», explica este especialista en Valente e especialista na súa obra, para ilustrar o compromiso que adquiriu cos seus paisanos emigrados e exiliados. A relación adquiriu tamén unha formulación poética, nos versos de Sub Nocte, unha peza dedicada aos membros da devandita sociedade, e a quen dedicou unha copia manuscrita, dedicatoria que agora tamén se inclúe na nova edición de Cántigas de alén. 

Poeta por inmersión

«Isto tamén demostra que Valente era un poeta por inmersión», afirma Rodríguez Fer. «O galego, como a madalena de Proust, pertence ao lugar da súa infancia e os seus habitantes, como o pai. Despois a lingua permanece adormentada, ata que o contacto cos emigrantes en Xenebra lla devolve», explica o responsable da edición, quen tamén subliña a singularidade do poema Finisterre -que inclúe na introdución desta edición-, e que, «con Pura Vázquez é o primeiro caso dun poeta que non publicara antes da Guerra Civil emprega o galego na posguerra». 

Aviso a navegantes

Malia a súa cativeza en termos cuantitativos, os versos galegos de Valente non poden considerarse menores en absoluto. «El mesmo esforzábase en dicir, e escribiuno expresamente, que tanto polo fondo como pola forma a súa poesía galega non desmerecía á castelá e debía considerarse ao mesmo nivel», destaca Rodríguez Fer. «Era un aviso a navegantes con prexuízos». Agás Finisterre, os demais poemas foron escritos en plena madurez creativa do escritor, nas décadas dos anos oitenta e parcialmente nos noventa. Tamén achegan, «ademais do seu valor intrínseco, unha perspectiva identitaria galega. Están a Galicia natal, Ourense, pero tamén a Galicia visitada, como Santiago, o propio mar de Vigo, Santo André de Teixido. E logo figuras da súa vida civil, persoas como o seu avó ou a súa nai, que el asocia a Galicia», resume Rodríguez Fer.