O primeiro «Martes de carnaval» en galego irá a oito teatros máis tras a súa estrea mañá en Santiago

Miriam García
M. g. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

A directora do CDG, Fefa Noia, enxalzou o risco que asumiu Marta Pazos á hora de dirixir estas dúas pezas de Valle-Inclán

19 abr 2017 . Actualizado a las 10:03 h.

O Centro Dramático Galego (CDG) estreará Martes de carnaval mañá no Salón Teatro de Santiago. Será a primeira vez que se representarán en galego dúas das pezas desta triloxía de Valle-Inclán, As galas do defunto e A filla do capitán. «Despois dun proceso que non foi nada fácil, Fefa Noia [directora do CDG] e Marta Pazos [directora do espectáculo] foron valentes para sacar adiante un proxecto que é estratéxico para a cultura e o teatro galegos», destacou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en alusión ás críticas polo proceso fixado pola Xunta para a selección do elenco.

Respecto a estes trámites, o conselleiro engadiu que xa plantexaron á asociación de actores a posibilidade de facer algún tipo de cambios, «pero sempre dentro do marco legal» ao tratarse dunha compañía de teatro de titularidade pública.

En Santiago, o público poderá asistir ás funcións de Martes de carnaval ata este domingo. A próxima semana, a montaxe representarase para escolares, antes de iniciar unha xira que a levará por Tui, O Barco, Ourense, A Coruña, Rianxo, Valencia, Pontevedra e Vigo, para rematar de novo en Santiago no mes de xullo. 

Pola súa banda, a directora do CDG, Fefa Noia, enxalzou o risco que asumiu Marta Pazos á hora de dirixir estas dúas pezas de Valle-Inclán: «Se o autor asumiu riscos, ela non se queda atrás, nin plasticamente nin tampouco na crítica». Pola súa parte, a directora da obra lembrou que se trata dun espectáculo «de ritmo trepidante para que o espectador poida ler o texto desde unha linguaxe contemporánea».