O Parlamento insta a espallar a obra de Carlos Casares máis alá do 2017

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Xosé Castro

A proposta foi aprobada por unanimidade na Cámara na que foi deputado hai 35 anos

12 abr 2017 . Actualizado a las 18:47 h.

Era febreiro. Era 1967 cando comezou a ouvear o vento. Un vento preñado de violencia, de desesperanza, de memoria. Hai 50 anos exactos comezaba a zoar o Vento ferido. O que levou a Carlos Casares a zarapallar a literatura galega. A Galicia mesma. Cúmprese medio século da publicación da primeira, da máis grande obra do autor ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas. Por iso, Casares volveu onte ao Parlamento que axudou a poñer a andar en 1982, naquela primeira lexislatura na que as decisións se tomaban tamén nun pazo. Noutro pazo. No Pazo de Fonseca que deu acubillo ao consenso, ao diálogo e á redacción final da Lei de Normalización Lingüística na que tanto tivo que ver Casares. 

Volveu ao pazo, ao Pazo do Hórreo, da man dunha proposición non de lei que, de xeito unánime, pide que este ano no que conflúen tres aniversarios -o medio século de Vento Ferido, os 35 anos da súa chegada á política e os quince do seu pasamento- se lle dea un novo pulo ao coñecemento da súa obra, do seu pensamento, do seu labor no eido da normalización, da modernización da cultura e da dignificación da lingua galega. Un pulo que, ademais, debe perdurar máis alá deste ano preñado de actos e de actividades en recordo dunha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega. Unha vontade de promover a vida e obra de autores galegos que debera de estar na axenda do Goberno «sempre, non só en aniversarios», segundo salientou a deputada nacionalista Olalla Rodil. Unha vontade que, segundo Abel Losada, debe demostrarse nos orzamentos, xa que en cultura invístese «moi pouco». 

Casares, a través da proposición non de lei presentada polo deputado popular Carlos Gómez Salgado e emendada polos socialistas, levou onte algo de consenso á Cámara galega. Podería levar máis. «Sería interesante recuperar o espírito que levou ao consenso de toda a Cámara» con respecto á lei de normalización lingüística. Así o puxo sobre a mesa a deputada de En Marea Ánxeles Cuña, que tamén formulou a posibilidade de que se publiquen todos os seus discursos arredor da lingua, nos que xa chamaba a eliminar os prexuízos sobre o galego e nos que sinalaba que a súa desaparición da vida pública era un problema político. Gómez Salgado apelou tamén a ese espírito de consenso pero rexeitou incluír esta proposta ao entender que é a Fundación Carlos Casares a que se está encargando de publicar os seus discursos.

Galicia conmemorará os 200 anos da carta xeométrica á que Domingo Fontán dedicou 17 anos

A vida de Domingo Fontán é un continuo 17. Naceu un 17 de abril de 1788. En 1817 comezou os traballos de medición para realizar a Carta Xeométrica de Galicia, un traballo que lle ocupou 17 anos da súa vida e que permitiu poñer sobre o papel o país, e ademais facelo cunha metodoloxía que non se aplicaría en España ata 40 anos despois.

Así que o seu importante labor tiñan que ser recordado e sobre todo conmemorado no 2017, cando se fan 200 anos do comezo deses traballos que serviron para «poñer cara a Galicia», tal e como explicou no Parlamento a deputada Teresa Egerique, que defendeu unha proposición non de lei para que a Cámara galega inste á Xunta a difundir a vida e obra de Domingo Fontán e conmemore os 200 anos do inicio da elaboración da carta xeométrica en colaboración con distintas institucións públicas e coa fundación e asociación Domingo Fontán.

«O seu grande logro foi o de ofrecer, por primeira vez, o rostro de Galicia nunha labor cartográfica que sorprende polo que representa de avanzada e polo logro dunha exactitude entón difícil de lograr, pero que ten para os galegos e galegas calidades de símbolo», explicou a deputada antes de que a proposición fose aprobada por unanimidade.

O PP insiste en que hai que cumprir a lei na selección de elencos no CDG

Houbo acordo con Carlos Casares e con Domingo Fontán, pero as discrepancias apareceron cando o BNG defendeu a necesidade de abrir o diálogo entre a Administración e o sector das artes escénicas para modificar os criterios de selección dos elencos para as producións do Centro Dramático Galego. O conflito estourou coa produción deste ano, Martes de Carnaval, cuxa andaina comezou coa dimisión de tres dos seis membros do tribunal de selección do elenco, incluíndo o que ía ser o director de As galas do defunto, Tito Asorey.

Mentres BNG, En Marea e PSdeG salientaban o «inadecuado» do actual sistema de selección -mediante un concurso oposición- o PP insistiu na necesidade que cumprir coa lexislación vixente. E esa lexislación vixente inclúe «a referida á materia de contratación nas Administracións Públicas», explicou a parlamentaria popular Teresa Egerique. Non o ve igual a deputada de En Marea Ánxeles Cuña, con máis de 30 anos de traxectoria na dirección escénica, que afirmou que «non se pode aplicar a Lei de Función Pública como se se tratase de funcionarios aínda que sexan fixos discontinuos» xa que hai unha «especificidade que pide adaptación» da contratación de actores e actrices. O mesmo argumento utilizou Olalla Rodil: «Falamos de artes escénicas, non dun concurso oposición para entrar a formar parte da administración do ensino». A deputada do BNG, porén, engadiu que e «ninguén puxo nunca en dúbida» que hai que dotar de cobertura lega o proceso, aínda que «non debe ir en prexuízo da necesaria autonomía que esixe calquera produción artística». O deputado do PSdeG Luis Álvarez , nunha curta intervención, recordou que hai que ter en conta o criterio do sector, maioritariamente en contra do actual sistema de selección.