«Barcelona», de David Pintor, seleccionado nun proxecto de cooperación en Lampedusa

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

David Pintor, a la izquierda, junto a Carlos López.
David Pintor, a la izquierda, junto a Carlos López. VITOR MEJUTO, MARCOS MIGUEZ Y PACO RODRIGUEZ

A iniciativa ten como obxectivo crear unha biblioteca infantil nesta illa, como apoio para os nenos residentes nela e para os que chegan aos centros de primeiros auxilios

08 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O libro Barcelona, de David Pintor e publicado por Kalandraka, é un dos dez títulos seleccionados para a exposición itinerante Libros sen palabras: destino Lampedusa. Trátase dun proxecto de cooperación internacional que promove IBBY Italia, co obxectivo de crear unha biblioteca infantil nesta illa, como apoio tanto aos nenos residentes nela como aos que chegan aos centros de primeiros auxilios e recepción de inmigrantes.

A noticia de que Barcelona foi elixido de entre un total de oitenta títulos, deuse a coñecer no marco da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia. Esta selección representa, segundo IBBY Italia, «o mellor da produción do mundo en materia de libros sen palabras nos dous últimos anos». O organismo tamén destacou o papel destes libros baseados só na ilustración «como poderosas ferramentas para cruzar as fronteiras lingüísticas, xeográficas e culturais».

Ademais da exposición itinerante, IBBY Italia puxo en marcha un campo de traballo con voluntarios para recoller libros e realizar obradoiros de lectura e actividades escolares. O organismo tamén lle pediu ao alcalde de Lampedusa que axilice o proxecto de apertura da biblioteca.

David Pintor forma con Carlos López o dúo de humor gráfico Pinto & Chinto de La Voz.