Rosalía de Castro, unha muller libre, independente e tamén alegre

O primeiro tomo da biografía de María Xesús Lama afonda na súa vida alén dos tópicos

.

redacción / la voz

«¡Diga que no era triste mi madre! Nada de eso. Muy alegre, siempre estaba de broma, y tenía verdadero ingenio para decir ocurrencias. No; no era triste. Destruya usted ese tópico de la tristeza». Con esta contundencia, Alejandra Murguía Castro, filla de Manuel e Rosalía, rexeitaba nunha entrevista con Victoriano Fernández Asís un dos tópicos máis estendidos sobre a súa nai. A cita tamén abre Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) (Galaxia), o primeiro tomo da biografía no que María Xesús Lama (Lugo, 1964) pescuda nos anos mozos da escritora coa vocación de ir alén dos tópicos.

A biógrafa admite que este relato é «un dos posibles», ademais de que as lagoas e os datos parciais deixan moita marxe ás matizacións e interrogantes aínda sen resposta. Pero aínda así esa achega intenta ensamblar todas as Rosalías, as facianas dunha personalidade complexa, que caben nese retrato: «Nena curiosa que xoga no eixido dunha casa de vila, adolescente inqueda con soños de artista, rapaza atrevida disposta a construír unha vida independente, lectora febril que ferve de ideas revolucionarias, escritora consciente do seu talento disposta a saír á praza pública, nai noviña que intenta recuperar o libre dispor do seu tempo, enferma aflixida pola tiranía dun corpo feble, cidadá adulta que reflexiona sobre a sociedade do seu tempo, que se define e aposta por un proxecto de cambio social, muller vital que goza da beleza e cre na vida, idealista en loita abatida pola forza duns poderes fácticos asoballantes, ser humano en soidade núa que olla de fronte a morte, muller valente que escribe o que non está permitido, o que ninguén espera, o que poucos entenden...».

Música fronte melancolía

A biografía de Lama empeza por tentar «desterrar esa imaxe que se adoita representar de muller triste e escura, avellentada, vestida de negro, metida na casa e mirando pola fiestra, melancólica, nun día de choiva». Ao contrario, o retrato enfiado por datos e testemuños pinta alguén moi diferente. Trátase dunha Rosalía cun talento innato para a música, que desenvolve no Santiago do seu tempo en entidades como o Liceo de la Juventud, onde chegaría a interpretar o papel protagonista en varias obras de teatro. Tocaba a guitarra e o piano, a frauta e a arpa, ademais do harmonio, segundo lembranza da súa filla Alejandra.

Ademais, sabía ler en francés, debuxar e practicaba a arte da declamación, con aspiracións a desenvolver unha carreira artística e literaria, unha ambición que a levará en abril de 1856 ata Madrid, daquela o lugar que ofrecía máis posibilidades a quen quixese gañarse a vida escribindo. A biografía de Lama contextualiza cada movemento de Rosalía no seu tempo e lugar, e así asistimos a como os cambios propiciados pola caída do Antigo Réxime na primeira metade do século XIX permitiron, entre outras cuestións, unha maior presenza laboral das mulleres, fose nas novas fábricas, fose escribindo. Aínda así, non era unha tarefa fácil, e Rosalía houbo de afrontar prexuízos e atrancos.

Aspiracións de autora

Non en van que unha muller escribise e publicase era unha rareza que debía presentarse dende a modestia, case como o resultado casual dunha afección. Unha visión na que incorreu Murguía ao dar a entender que fora el o que recompilara e dera ao prelo os versos do que serían Cantares Gallegos -aínda que logo daría versións contraditorias-. Lama sinala como a «concepción estrutural» do libro invalida esta perspectiva, sinal tamén das intencións de Rosalía como autora, que ademais de rachar con esas limitacións de xénero denunciou a situación das mulleres nos seus textos, algúns tan claros como Lieders.

A vida doméstica da escritora tamén é debullada ao longo do libro, dende as circunstancias do seu nacemento, o apoio constante da súa familia materna, a relación afectiva e de admiración mutua entre Murguía e ela, cuxo casamento foi tamén un desafío ás convencións, aínda que fose pola diferenza de altura entre ambos. Son chanzos na vida dunha «moza rebelde e libre, que sabe que ten un don e unha paixón».

Primeiro número da revista de estudos «Follas Novas»

A Fundación Rosalía de Castro presenta hoxe na Coruña (Salón de actos da ONCE, 20.00 horas) o primeiro número da revista de investigación Follas Novas. Patrocinada polo Concello de Rianxo e dirixida por Xosé Luís Axeitos, a publicación terá periodicidade anual na súa versión en papel, que se combinará coas actualizacións da súa edición dixital. Segundo escribe no prólogo o presidente da fundación, Anxo Angueira, a revista nace para acoller e fomentar os estudos rosalianos, ademais de servir de voceiro das principais actividades da Casa de Rosalía. O director amplía esa idea: «Follas Novas aspira a ser vehículo de comunicación entre todos os rosalianos calquera que sexa o campo concreto que cada quen cultive».

A prosa da autora

A revista divídese en seis seccións. A primeira céntrase na prosa de Rosalía, e neste número inaugural atópanse contribucións como as de Carme Fernández Pérez-Sanjulián sobre o Conto gallego, a de Francisco Rodríguez sobre El caballero de las botas azules ou a de Pilar García Negro sobre El Cadiceño e Las Literatas; María López Sández e Kathleen N. March analizan outros aspectos como o ensaio ou as artes textis. A segunda sección presenta unha carta de Alfredo Vicenti a Murguía e outra deste último a Rosalía, analizadas por María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda e Diego Rodríguez González, antes de dar paso a un capítulo de recensións, no que se escribe sobre libros recentes ou congresos e simposios arredor da escritora, neste caso asinadas por Axeitos e Iria Sobrino.

No cuarto apartado Aurora López e Andrés Pociña recompilan as últimas achegas dos estudosos rosalianos nos últimos anos. O quinto acolle as crónicas rosalianos dos Centros de Estudos Galegos no panorama internacional, que neste número chegan dende as universidades de Oxford, Kiel e Barcelona. Completa este apartado un traballo sobre Rosalía e a música, a cargo de Margarita Viso Soto.

 

A fundación

Follas Novas péchase cun monllo de páxinas relacionadas coa actividade da fundación. Un artigo detalla o traballo do arquivo, mentres que o deseñador Pepe Barro repasa a historia da identidade gráfica da casa da autora.

Votación
5 votos
Comentarios

Rosalía de Castro, unha muller libre, independente e tamén alegre