Oqueleo arranca con 22 títulos infantís e xuvenís

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Xoán Rey | EFE

Ana Guerra, directora editorial de Obradoiro/Santillana, subliñou a boa acollida do proxecto entre os autores galegos

30 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Oqueleo, un novo selo editorial especializado en literatura infantil e xuvenil en galego, inicia a súa andaina con un total de 22 títulos en catálogo. O proxecto posto en marcha pola editorial Santillana inclúe tanto novas creacións de autores galegos, como traducións de obras de escritores internacionais que integraban o fondo histórico de Alfaguara. A directora de Oqueleo, Maite Malagón, destacou que o obxectivo é apostar pola calidade literaria, comprometida, de xéneros distintos e, principalmente, pola lingua galega. «Contamos con los mejores autores e ilustradores gallegos», asegurou durante a presentación do proxecto no Consello da Cultura, na que estivo acompañada pola directora editorial de Obradoiro/Santillana, Ana Guerra, e tres dos autores galegos, Paula Carballeira, Héctor Cajaraville e Manuel Núñez Singala.

Dende a primeira semana de abril estarán dispoñibles para os lectores os primeiros quince títulos, entre os que se inclúen libros de María Canosa, Paula Carballeira, Gloria Sánchez, Concha Blanco, Ana Rosseti, Xoán Dobarro, Marica Campo, María Isabel Molina, Michael Ende, Susan E. Hinton, Santiago Jaureguizar e o dúo Goscinny-Sempé. A partir da segunda quincena chegarán os sete restantes, obras de Xabier P. Docampo, Gloria Sánchez, Xabier Estévez, Héctor Cajaraville, Manuel Núñez Singala e outros títulos de Michael Ende e Jaureguizar.

Ana Guerra, directora editorial de Obradoiro/Santillana, subliñou a boa acollida do proxecto entre os autores galegos, xa que de seguido lle remitiron orixinais dunha gran calidade. Pola súa banda, Núñez Singala, Cajaraville e Carballeira, ademais de explicar o argumento das súas obras que xa forman parte de Oqueleo, incidiron na importancia que ten ampliar o abano da oferta editorial para os lectores.