Víctor F. Freixanes, único aspirante á presidencia da Real Academia Galega

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

O escritor deberá defender o martes a súa candidatura no plenario da votación

25 mar 2017 . Actualizado a las 00:26 h.

Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951) someterase o próximo martes á votación para optar á presidencia da Real Academia Galega (RAG), na que relevaría a Xesús Alonso Montero, que xa dimitiu do seu cargo o pasado venres 17 para facilitar o proceso electoral de renovación da executiva da institución. Tres académicos -o propio Montero, Antón Santamarina e Margarita Ledo- presentaron onte no rexistro da sé da coruñesa rúa Tabernas a que, todo indica, será a única candidatura á presidencia da RAG, a de Freixanes, que dalgún xeito xa se viña anunciando nas últimas semanas. E será a única porque 48 horas antes do plenario remataba o prazo para presentar candidaturas, e, tendo en conta a fin de semana, era o venres (onte) cando o período hábil se pechaba.

A formalidade das tres firmas que a avalan -requisito recollido polos estatutos- non ten que ver inicialmente coa composición do equipo, en canto que esas mesmas normas establecen que a candidatura é unicamente de carácter presidencial. Só no anterior proceso, tras a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín, pola súa natureza extraordinaria, se permitiu que as candidaturas en disputa incorporaran a lista.

Xa no plenario do martes, Freixanes si debe explicitar ante os seus membros -actualmente son 28, porque hai dúas vacantes- a composición do seu equipo directivo. O aspirante defenderá as liñas básicas do proxecto que encabeza, presentará as catro persoas que o acompañarán na viaxe e someterase ao sufraxio dos académicos.

A votación si se fará sobre o equipo completo -presidente, secretario, vicesecretario, arquiveiro e bibliotecario-. Na primeira rolda o aspirante debe acadar a maioría absoluta do censo -dos 28, xa que nesta volta admítese o voto por correo-; é dicir, que Freixanes debería obter cando menos 15 apoios de académicos para saír elixido. De non sumalos, nunha segunda quenda -na que se retira o voto postal-, chegaría con que recibise o respaldo da maioría dos presentes.

Na última elección deuse un empate a 12 votos (dous chegaron por correo) entre os candidatos Alonso Montero e Manuel González. Na seguinte rolda Montero impúxose por 12 sufraxios a 10. De aí saíu a executiva formada por Alonso Montero, Henrique Monteagudo (secretario), Andrés Torres Queiruga (vicesecretario), Rosario Álvarez (tesoureira) e Margarita Ledo (bibliotecaria).

Aínda que Freixanes non ten a obriga de desvelar o seu equipo ata o martes, nese plenario das 18.30 horas, apuntan fontes coñecedoras dos movementos internos da Academia, podería quedar constituída, incluso na primeira votación, unha executiva cun debuxo aproximado ao de Freixanes -que sería o presidente número 13 da institución-, Monteagudo (que repetiría como secretario), Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Andrés Torres Queiruga.